A Cámara de Santiago e Javier Rocamora mostran como deseñar un plan de dixitaliación para o noso negocio

mércores, 21 de setembro do 2022 S. P.

A Cámara de Santiago prosegue neste inicio do outono o seu intenso labor de dixitalización e formación transformadora ao servizo das pequenas e medianas empresas. Este 28 de setembro, en horario de 10.00 a 11.20 horas, vai organizar o obradoiro Quero deseñar un plan de dixitalización para o meu negocio, por onde comezo? Será impartido por un dos nosos grandes expertos en uso empresarial das novas ferramenta: Javier Rocamora.
A xornada, que servirá tamén para presentar brevemente as liñas de actuación da Oficina Acelera PEME (impulsada por Red.es con entidades de todo o ámbito estatal, por exemplo a Cámara de Santiago), vén cos seguintes contidos básicos: a dixitalización como un novo xeito de xestionar o negocio e a necesidade de transformar o noso negocio agora que os nosos clientes tamén son dixitais.
Amais, abordaranse as principais ferramentas das que podemos dispor para as distintas áreas do negocio (compras, vendas, produción, loxística, administración, comunicación e mercadotecnia), os primeiros pasos na dixitalización (estratexia básica para un pequeno negocio), novos modelos de xestión baseado nos datos e nas previsións e beneficios da dixitalización dun pequeno negocio.
A persoa encargada de impartir estes contidos será como dixemos Javier Rocamora García consultor autónomo especializado en mercadotecnia dixital, xestión de redes sociais e comercio electrónico dende 2008, operando baixo a marca comercial Las 3 en Punto.
As Oficinas Acelera PEME (OAP) inclúense non Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020 (POPE), co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e pola Entidade Pública Empresarial Red.es.

PUBLICIDADE