A Cámara de Santiago e Javier Rocamora mostran estratexias avanzadas para coñecermos os nosos clientes

martes, 29 de abril do 2025 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago organiza o vindeiro 8 de maio, a partir das 10.00 horas, unha nova xornada gratuíta e online de transformación tecnolóxica para as pemes da demarcación. Trátase da sesión Estratexias para coñecer aos clientes, do programa Kit Dixital e impartida polo experto Javier Rocamora. O obxectivo é que as persoas participantes coñezan as ferramentas e metodoloxías necesarias para identificar o seu público obxectivo. A xornada está dirixida a pemes e autónomos.
Arrincará cunha presentación da Oficina Acelera Peme ás 10.00 horas e proseguirá co miolo temático da actividade: a importancia de definir o público obxectivo, os métodos e criterios para segmentar o mercado, as ferramentas e técnicas para identificar segmentos de mercado, o desenvolvemento de perfís de clientes ideais (buyer persoas) e exemplos de perfís de clientes. A xornada inclúe unha actividade práctica (creación de perfís de clientes para a empresa) e un capítulo de conclusións: resumo dos puntos clave expostos e plan de acción para implementar a definición do público obxectivo.
O relator será Javier Rocamora García, consultor autónomo especializado e con dilatada experiencia en marketing dixital, xestión de redes sociais e comercio electrónico desde 2008, operando baixo a marca comercial As 3 En Punto.
Esta xornada está organizada pola Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.