A Cámara de Santiago e Javier Rocamora mostran nunha xornada todo o que non se debe facer en mercadotecnia dixital
mércores, 18 de setembro do 2024
A Cámara de Comercio de Santiago vainos amosar a semana vindeira os acertos e equivocacións máis frecuentes das empresas e persoas autonómas en materia de nova mercadotecnia. Farao a través do seminario en liña Os 10 erros máis comúns en marketing dixital para pemes e como corrixilos, encadrado nas actividades do Kit Dixital. Será o mércores 25 de setembro a partir das 10.00 horas e está dirixido a pemes e persoas autónomas e emprendedoras.
As actividades comezarán coa presentación da Oficina Acelera Peme da Cámara de Santiago e Red.es e proseguirá ás 10.15 abordando cuestións como as estratexias e plans de mercadotecnia (como definilas e aplicalas e como escoller as mellores), os xeitos de coñecer o noso público obxectivo e unha segmentación eficaz ou os métodos para saber que orzamento debemos adicar ás canles dixitais.
Amais, axudarase aos participantes a que coñezan os problemas de teren unha web obsoleta (ou non tela en absoluto) ou que entendan as vantaxes do posicionamento en buscadores e redes e de ir alén dos aspectos estéticos da web. Tamén se porá o foco na planificación das redes sociais (principais erros), en como corrixir a publicidade dixital ou como ter en conta os datos estatísticos.
O relator será Javier Rocamora García, consultor autónomo especializado e con dilatada experiencia en marketing dixital, xestión de redes sociais e comercio electrónico desde 2008, operando baixo a marca comercial As 3 En Punto.
Esta xornada está organizada pola Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.