A Cámara de Santiago e a Xunta mergullan na dixitalización a pemes e persoas autónomas

luns, 19 de outubro do 2020 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago, co apoio da Xunta, inaugurou este luns un obradoiro sobre mercadotecnia dixital e redes sociais. Fíxoo por videoconferencia e coa presenza a activa da directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez. A iniciativa formativa enmárcase no convenio de colaboración entre o ente cameral e ao Goberno galego, dotado con 120.000 euros (Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía). A través deste acordo poñeranse en marcha nos vindeiros meses diferentes accións para impulsar o sector comercial e artesán na comarca.
Así, por unha banda, realizaranse sete cursos, dos cales cinco serán en liña, cos que se prevé beneficiar a máis de 200 profesionais. A temática abrangue o uso profesional das redes sociais, a paquetería comercial creativa, a venda en marketplaces, a mercadotecnia dixital, a iniciación ao comercio electrónico, o escaparatismo e a estratexia omnicanle.
Ademais, a cooperación entre a Xunta e a Cámara de Comercio de Santiago tamén inclúe accións para impulsar a Artesanía de Galicia, co obxectivo de incrementar o número de establecementos autorizados para a venda de produtos da marca.
Por outra banda, elaborase e difundirase unha guía de estratexias de captación e mantemento de clientes para o comercio e a artesanía a través de ferramentas dixitais, e prestarase un servizo de asistencia e asesoramento aos comercios retallistas no actual contexto económico.

PUBLICIDADE