A Cámara de Santiago móstranos como atraer clientes próximos con SEO, redes sociais e Google Maps

xoves, 2 de outubro do 2025 S. P.

A Cámara de Santiago vai organizar unha xornada gratuíta e en liña que ten como obxectivo capacitar aos asistentes nas estratexias e ferramentas prácticas necesarias para aumentar a súa visibilidade online a nivel local, co fin de atraer a máis clientes da súa contorna xeográfica e convertelos en vendas reais. A xornada Como atraer clientes próximos con SEO, redes sociais e Google Maps está dirixida a pemes, autónomos e emprendedores. Celebrarase o 9 de outubro a partir das 10.00 horas e terá unha hora e media de duración.
O relator será Fernando Rodríguez de la Torre, director da Axencia de publicidade con C de Comunicación, profesor no Máster de Marketing Digital da USC e director de Briefinggalego.com, portal de referencia do sector da mercadotecnia e a publicidade en Galicia.
A xornada abéirase á actividade das Oficinas Acelera Peme para Kit Dixital postas en marcha por Red.es, entidade pública adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, coa colaboración de Cámara de España e de entidades como a Cámara de Santiago.