A Cámara de Santiago móstranos nunha xornada como sacar partido do Business Intelligence (Kit Dixital)

xoves, 5 de outubro do 2023 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago organiza a semana vindeira unha xornada de formación arredor das novas e máis avanzadas técnicas de negocio intelixente e transformador. A sesión Como funciona o Business Intelligence e como sacarlle partido na miña empresa co kit dixital? celebrarase o día 10 de outubro en horario de 10 a 11.30 horas. Será de balde e en liña.
Servirá para capacitar ás pemes e ás persoas autónomas da contorna compostelá en materia de BI e analítica de datos, en como tirar proveito destas técnicas sen grandes orzamentos, en solucións reais para pequenas e medianas empresas (casos prácticos) e na creación dunha ferramenta de xestión da información dashboard.
O relator será Álex Devesa Refojo, graduado en Enxeñería Electrónica e Automática e mestrado en Big Data. Desenvolve a súa carreira profesional no ámbito da Industria 4.0, IoT (Internet das Cousas) e seguridade industrial.
Esta xornada está organizada porla Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
Kit Dixital é un Programa do Gobierno de España, xestionado por Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial. O Programa Kit Dixital está dotado cun orzamento de 3.067 millóns de euros, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos europeos Next Generation EU. O seu obxectivo é dixitalizar a pequenas empresas, microempresas e autónomos de todos os sectores en todo o territorio nacional.

PUBLICIDADE