A Cámara de Santiago organiza un seminario de balde sobre tecnoloxías na atención aos clientes
venres, 6 de setembro do 2024
A Cámara de Comercio de Santiago organiza en novembro unha nova actividade formativa, en formato online, centrada nas ferramentas de comunicación das que podemos botar man para atender aos nosos clientes presentes e futuros. O seminario Tecnoloxías aplicadas á venda e atención ao cliente desenvolverase entre o 4 de novembro e o 22 do mesmo mes. Terá 20 horas de duración, será de balde (financiado pola Consellería de Emprego e Comercio) e celebrarase baixo a modalidade de teleformación.
O obxectivo é botar luz no emprego das ferramentas telemáticas dispoñíbeis para conseguir unha atención integral ao cliente. O curso está dirixido persoas traballadoras e autónomas en activo do sector comercio; persoas traballadoras en situación de desemprego do sector comercio, principalmente, novos e mulleres; e mulleres e persoas desempregadas de longa duración e maiores de 45 anos. As encargadas de impartir os contidos serán Rebeca Risoto Ruiz, licenciada en Administración e Dirección de Empresas e con Máster MBA, e Eva López, dinamizadora e experta no emprego de novas tecnoloxías a nivel empresarial e profesional. Tocaranse as seguintes temáticas: fundamentos da atención ao cliente, como coñecer ao cliente, novas tecnoloxías na venda, uso das novas tecnoloxías na atención ao cliente e de venda, atención mediante correo electrónico e emprego do chat e dos foros como recursos de comunicación.