A Cámara de Santiago premeu o acelerador en formación TIC

luns, 11 de xullo do 2016 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vén de presentar a súa memoria de actividades e servizos referente a 2015 (documento en PDF). Nela fai saber, entre outras cousas, que as súas accións beneficiaron durante ese ano a un total de 5.730 empresas das comarcas de Santiago, Barbanza e Melide. Segundo fixo saber o presidente da Cámara, Jesús Asorey, ao fío destas cifras, boa parte deste labor foi un labor educativo e formativo centrado en innovación, emprendemento, competitividade e recursos para o espallamento en mercados. Unha parte disto materializouse a través do viveiro de empresas que a Cámara ten no Polígono de Costa Vella. En 2015 asentáronse nas súas instalacións 22 empresas físicas, que ocuparon 41 dos 50 módulos dispoñíbeis na incubadora, e 20 decidíronse polo viveiro virtual.
Ademais, a taxa de supervivencia empresarial desta estrutura situouse ao redor do 74 por cento, sinala a Cámara, que salienta tamén o recoñecemento obtido en 2015: o viveiro foi cualificado este ano (segundo o Ranking Global da Fundación de las Caixas de Aforros, FUNCAS) como o mellor viveiro de empresas de España.
No apartado de formación, a Cámara de Comercio programou durante 2015 un total de 102 cursos formativos que contaron coa asistencia de 2.080 alumnos. Por temáticas, informática e novas tecnoloxías, laboral, comercio e vendas, contabilidade e fiscalidade, idiomas, recursos humanos e emprendemento son as áreas de formación que primou a entidade cameral. Ademais dos cursos propios, leváronse a cabo outras actividades formativas como xornadas ou seminarios, realizados en colaboración con outros organismos e institucións.
Na área de innovación, o Programa Innovación e Transferencia do Coñecemento, Feira do Coñecemento, axudou a que 75 empresas estableceran contacto con centros tecnolóxicos de nivel, asistindo a tres xornadas de sensibilización, para finalmente acadar 17 preacordos de colaboración ao longo do último ano.
No programa gratuíto InnoCámaras, deseñado pola Cámara de Comercio de España, a Cámara quere potenciar a presenza da innovación e fortalecer a posición competitiva das pequenas e medianas empresas. O programa conta co financiamento de fondos FEDER, as Cámaras de Comercio e a colaboración da Xunta de Galicia. Na convocatoria 2014-2015 recibíronse 127 solicitudes de participación.
Con respecto ao programa TIC Cámaras, recibíronse 106 solicitudes de empresas para participar na iniciativa destinada a incorporar tecnoloxías da información como ferramentas competitivas claves na súa estratexia. Ademais, o departamento emitiu 17 certificados dixitais no marco do seu acordo con Camerfirma para a tramitación telemática coas Administracións Públicas.

PUBLICIDADE