A Cámara e o Concello de Santiago clausuran a súa formación conxunta en redes sociais

luns, 25 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este luns 25 celebrouse en Santiago, na sede da Cámara de Comercio, o acto de clausura do programa formativo sobre redes sociais, mercadotecnia dixital e emprendemento que organizaron a Fundación INCYDE e a entidade compostelá (coa colaboración do Concello) na sede desta última no Polígono de Costa Vella. A cita, na que tamén se entregaron os diplomas ás e aos participantes, participou o alcalde compostelá, Xosé Sánchez Bugallo, quen salientou a colaboración coa Cámara e puxo en valor o labor formativo conxunto en materia de tecnoloxías: “Vivimos nun tempo no que calquera desenvolvemento económico e calquera acción de futuro están ligados ao emprendemento e á innovación”. A xuntanza tamén serviu para lanzar unha nova proclama contra a violencia de xénero, con motivo do 25N.
Durante o acto de clausura, no que tamén estaban presentes María Torres, directora de Desenvolvemento de Programas da Fundación INCYDE; e Rosa Mary Cardeso Trillo, secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, presentáronse dous dos proxectos empresariais deseñados polo alumnado. O primeiro, Biopraedium, impulsado por Carmen Martínez, é unha empresa especializada na fabricación de kits ecolóxicos para o cultivo e complementos de horticultura. O segundo, Cielo Azul, é un campamento sustentábel para peregrinos do Camiño de Santiago, desenvolvido por Manuel Pereiro e Fabiola Álvarez. O alcalde felicitounos e animou a todos os participantes a seguir adiante cos seus proxectos.
O programa, no que participaron unha vintena de alumnos e alumnas, estruturouse en tres partes: sesións de formación conxunta, acompañamento e consultoría individualizada e mentoring e seguimento. Grazas ás sesións, o alumnado xa conta coas ferramentas suficientes para definir a súa propia estratexia de comunicación nas redes sociais, o plan de marketing dixital e a execución de accións para mellorar a reputación e o a visualización dos seus produtos e/ou servizos en Internet.

PUBLICIDADE