A Cámara presenta o seu renovado plan de promoción tecnolóxico-industrial da Coruña
luns, 25 de novembro do 2024
Este mañá a Cámara de Comercio da Coruña presentaba o renovado Plan de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña e a súa área de influencia, deseñado para consolidar a área metropolitana da Coruña como un centro neurálxico de innovación e competitividade económica en Galicia.
Cómpre dicir que ao acto asistían Antonio Couceiro, presidente da Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e a súa área de influencia e Daniel Tafalla, xerente da Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña e a súa área de influencia (OPTI).
A OPTI, creada hai ano e medio, que conta co apoio da Universidade da Coruña, a Autoridade Portuaria e concellos como Carballo e Curtis, achega un servizo de acompañamento personalizado a compañías industriais con interese en establecerse na Coruña e abrangue todas as etapas do proceso de investimento, desde o asesoramento inicial até a implementación final. Grazas a este enfoque integral, a Oficina xa está a ultimar os primeiros proxectos de investimento, marcando un fito na promoción económica da rexión e reforzando o seu compromiso de atraer capital e transformar A Coruña nun referente global para a industria tecnolóxica.
O Plan de Promoción Tecnolóxico-Industrial consta de tres eixos estratéxicos: mellora dos factores básicos de localización tecnolóxica e industrial (con 44 liñas para mellorar e potenciar as condicións que fan da Coruña un lugar privilexiado para o desenvolvemento empresarial); mellora competitiva da industria local (inclúe 46 iniciativas para fortalecer a industria en materia de cooperación, capital humano, innovación e tecnoloxía, diversificación, internacionalización e financiamento); proactividade na atracción de investimentos tecnolóxicos e industriais (18 estratexias específicas en coordinación, proactividade e imaxe).
Para Antonio Couceiro, presidente da Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e a súa área de influencia, o ecosistema da Coruña inclúe infraestruturas estratéxicas únicas, un tecido industrial diversificado e proxectos tractores como GreenPort, a Cidade do TIC e a sede da Axencia Europea de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA).
Engadir que a presentación do Plan vén acompañada do lanzamento da Guía para Investidores, un documento multilingüe titulado: A Coruña, o motor económico de Galicia, que achegará información detallada sobre as oportunidades e vantaxes competitivas da contorna coruñesa e de Galicia.