A Casa Branca estrea conta en TikTok pese a estar prohibido o seu uso nos EE.UU.

mércores, 20 de agosto do 2025 Redacción

A Casa Branca vén de abrir a súa primeira conta oficial en TikTok, unha decisión coa que busca chegar aos máis de 170 millóns de usuarios da aplicación nos Estados Unidos e difundir así as mensaxes do presidente Donald Trump. O perfil estreouse cun vídeo no que se ve a Trump declarando «son a vosa voz», acompañado dun texto que dicía: «America estamos de VOLTA! Que hai de novo, TikTok?».
O presidente republicano xa fixera un uso intensivo da plataforma na campaña electoral de 2024, cando derrotou á demócrata Kamala Harris. A súa conta persoal acumula hoxe máis de 15 millóns de seareiros. Ademais, Trump segue apoiándose en Truth Social como canle principal e emprega ocasionalmente X.
A secretaria de prensa da Casa Branca, Karoline Leavitt, asegurou que o Goberno está decidido a comunicar «os éxitos históricos entregados polo presidente ao pobo estadounidense a través do maior número posible de audiencias e plataformas». Segundo indicou, a intención é consolidar a influencia acadada en TikTok durante a campaña electoral e marcar diferenzas coas administracións anteriores.
O lanzamento da conta prodúcese no medio da polémica sobre o control chinés da aplicación. A lei aprobada en 2024 obrigaba TikTok a cesar a súa actividade nos Estados Unidos o 19 de xaneiro deste ano se ByteDance non vendía os activos no país nin amosaba avances claros cara a un desinvestimento. Trump, xa no seu segundo mandato, decidiu prorrogar o prazo en varias ocasións, primeiro ata abril, logo ata xuño e finalmente ata o 17 de setembro.
Estas extensións xeraron críticas entre lexisladores que acusan a Administración de ignorar a lei e de pasar por alto os riscos de seguridade nacional derivados da dependencia de TikTok respecto das autoridades chinesas, e coa apertura dunha conta oficial da Casa Branca na plataforma social podería estar a cometerse unha nova ilegalidade por parte da Administración Trump, xa que a lei que prohibe TikTok nos EE.UU. non de derrogou.