A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este martes pola tarde a gravación do podcast Quedamos para un café

martes, 24 de outubro do 2023 S. P.

Este martes 24 de outubro a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a gravación do podcast Quedamos para un café, dirixido por María José Bermúdez, Seu. O evento, que se celebrará de 17.00 a 20.00 horas, será aberto a todos os públicos ata completar aforo, de xeito gratuíto, e conta coa colaboración do Concello de Ames e da empresa tecnolóxica Raiola Networks. Haberá unha mesa redonda con distintos podcasters, e o convidado principal será Ángel Carracedo, catedrático de medicina legal, investigador e experto internacional en xenética. O programa de radio online chega este martes á súa 40ª emisión.
Coa colaboración do Concello, este programa realizarase en directo dende a Casa da Cultura do Milladoiro, a onde se poderá achegar todo aquel que o desexe para participar como público, de xeito gratuíto.
Como dixemos, o evento desenvolverase entre as 17.00 e as 20.00 horas. Para comezar, os patrocinadores saudarán aos participantes, para posteriormente dar paso a unha mesa redonda na que participarán Patricia Pérez, Leo Menéndez e Paula Morais, todos eles podcasters. Cada un deles falará dos seus proxectos, do que lle aportan persoal e profesionalmente e de cales son os seus podcasts favoritos.
Para rematar, desenvolverase o acto de clausura, cos agradecementos e a despedida. Segundo avanzou o Concello, “arredor das 19.15 horas celebrarase unha sorpresa para todos os asistentes”.
Quedamos para un café é un podcast dirixido por María José Bermúdez, Seu, asistente virtual, produtora de podcasts e editora de audio. Leva en emisión dende maio de 2021, e acumula 38 programas en emisión. Nel, Seu aborda experiencias de vida, conversando con persoas ás que admira e respecta.