A Casa das Campás achegará cursos de recursos web, xestión de redes sociais e Photoshop

mércores, 4 de outubro do 2017 Redacción

A Aula Tecnolóxica da Casa das Campás (Campus de Pontevedra) vén de presentar o seu programa formativo para o que resta de ano, dirixido, unha vez máis, tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía. O abano de temáticas dos cursos será variado abondo: haberá de deseño web, de tratamento de imaxes e de xestión das redes sociais. Ademais, achéganse novas edicións dalgúns dos cursos que máis interese espertaron en anos anteriores e aos que se suma como novidade o taller Iniciación aos recursos web para a educación, que Isaac Gómez Figueroa impartirá entre o 20 de novembro e o 5 de decembro e que se dirixe a mostrar a importancia que teñen as TIC no ensino e identificar unha serie de ferramentas web que poden ser útiles neste eido.
Cun límite de 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición, a matrícula nestas actividades, de carácter gratuíto, abrirase nos vindeiros días na plataforma Bubela.
O programa de cursos, de 12 horas de duración (divididas en catro ou seis sesións), bota a camiñar o 17 de outubro con Introdución e fundamentos da maquetación frontend con CSS. Impartido polo deseñador e ilustrador Alberto García, este obradoiro dividido en catro sesións, diríxese a dotar ao alumnado dos fundamentos básicos para poder adaptar a aparencia das webs a diferentes dispositivos de visualización a través do maquetado de documentos por medio de follas de estilo CSS (para esta actividade recoméndase que o alumnado posúa coñecementos de linguaxe HTML).
García Ariza será así mesmo o responsable de Introdución ao retoque fotográfico con Adobe Photoshop, que se desenvolverá en catro sesións, os días 20 e 27 de outubro e 3 e 10 de novembro. Sen necesidade de coñecementos previos, este curso “busca amosar ao alumnado como realizar manipulacións básicas de edición e retoque dixital, así como a xestionar de forma eficiente o seu banco de imaxes persoais”, explican os responsábeis da Aula Tecnolóxica, que engaden que entre o 18 de outubro e o 9 de novembro, a Aula Tecnolóxica acollerá, en seis sesións, o curso Introdución ao community management, no que a profesional deste eido Marta Crespo Cruces afondará co alumnado no coñecemento das principais redes sociais e da contorna 2.0, “co propósito de achegar aos participantes ás ferramentas necesarias para o se seguimento, medición e para a súa xestión estratéxica dentro do plan de comunicación e mercadotecnia dunha empresa”.

PUBLICIDADE