A Casa das Máquinas acollerá a Xornada de Oficios, a última cita da Maker Faire Galicia 2025
martes, 18 de novembro do 2025
A feira tecnolóxico-argalleira Maker Faire Galicia botará o peche á súa edición de 2025 coa Xornada de Oficios, que se celebrará o vindeiro venres na Casa das Máquinas de Santiago. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou o programa da cita, acompañada polo co-organizador do evento Enrique Saavedra.
A tenenta de alcaldesa salientou que a xornada “permite poñer en valor os oficios que son parte da nosa identidade nun mundo cada vez máis globalizado, e demostra que poden ser actualizados para atender a novas necesidades e contribuír á xeración de emprego”.
María Rozas tamén puxo en valor o novo modelo da Maker Faire Galicia, que desde a edición do ano pasado se celebra en tres xornadas temáticas. Tal e como explicou, “desta maneira chegamos a un público máis diverso, poñemos o foco en máis sectores, e dámoslle acubillo a máis marcas e a máis talento local e galego”.
Pola súa parte, Enrique Saavedra explicou que o obxectivo da Maker Faire é “prender a chispa da creatividade, neste caso no ámbito dos oficios tradicionais”. Ademais, salientou o compromiso da Maker Faire coa accesibilidade, de maneira que haberá intérprete de lingua de signos e sinaléctica en braille.
A Xornada de Oficios é a terceira das xornadas temáticas da Maker Faire Galicia, un evento de innovación e creatividade que é xa un referente internacional. O obxectivo é poñer en valor os oficios, conectando tradición, deseño e experimentación.
Charlas e faladoiros
A Xornada de Oficios desenvolverase na Casa das Máquinas o 21 de novembro, en horario de mañá e tarde, e co apoio do Concello, Artesanía de Galicia e da Deputación da Coruña. O evento é aberto e de balde.
Ao longo do día sucederanse os relatorios e os faladoiros. Entre os primeiros, está prevista a intervención de Julia Steketee, deseñadora e artesá que desenvolveu a súa carreira en Inglaterra, Brasil, Estados Unidos, Portugal ou España, e responsable de Bagaceira Project, unha firma que transforma residuos de cana de azucre en materiais e produtos para o deseño de interiores.
Tamén participará Paula Camiña Eiras, enxeñeira de Deseño Industrial e experta en biodeseño. Ambas, Julia Steketee e Paula Camiña, participarán tamén no faladoiro Biomateriais en diálogo, xunto con Noemí Cortizas, de Ydemaker, e Kiko Saavedera, de Vermislab.
A axenda da mañá completarase coa conferencia de Ramón Santos, de Mercería La Crisálida e co faladoiro A voz dos oficios: medios, historias e novas audiencias, con Leticia Castro da Revista Salghadoiro e María Gómez-Domínguez, de Neboa Podcast
Obradoiros e Espazo Makers
A Xornada de Oficios da Maker Faire Galicia complétase cunha ampla oferta de obradoiros, dirixidos ao público infantil. Haberá talleres de temáticas moi diferentes, como bordado sobre fotografía, estampado en teas con materiais de refugallo, arte con ensamblaxe ou iniciación á forxa tradicional con plastilina.
Ademais, ao longo de toda a xornada poderase visitar o Espazo Makers no que se presentarán proxectos innovadores e creativos relacionados cos oficios tradicionais, co obxectivo de amosar como as técnicas tradicionais se poden adaptar ás tendencias contemporáneas. No espazo participarán un total de 16 marcas, como Acivro Xoiais, Despunte, D Rositas, Jerolas, Retoque Retro, Lixo Atelier ou Pampillo Store. Como novidade, este espazo estará aberto toda a tarde ata as 20.00 horas.
