A Casa das Máquinas de Santiago acolleu a Xornada de Oficios da Maker Faire Galicia
venres, 8 de novembro do 2024
A Casa das Máquinas (Santiago) acolle a Xornada de Oficios da Maker Faire Galicia, un evento deseñado para poñer en valor os oficios tradicionais e conectalos coas novas xeracións e encadrado na décima edición da Maker Faire Galicia, que vén con tres sesións achegando un formato innovador que pretende que a feira teña presenza ao longo de todo o ano.
Na cita participaron o director xeral de Comercio e Consumo da Xunta, Gabriel Alén, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, o co-fundador da feira maker de Compostela, Enrique Saavedra, e máis a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuvenude, María Rozas.
Na inauguración, a edil santiaguesa enxalzou o valor dos oficios ancestrais “non só porque son parte da nosa identidade nun mundo cada vez máis globalizado, senón tamén pola súa importancia desde o punto de vista económico e o papel que poden xogar na creación de emprego de calidade”.
Como dixemos, a Xornada de Oficios é unha das tres sesións nas que nas súa décima edición se dividiu a Maker Faire Galicia, que tamén nos brindará en xuño en Área Central (Santiago) unha xornada centrada na innovación social e máis unha terceira cita adicada á industria.
Na inauguración, a tenenta de alcaldesa de Santiago explicou que as tres temáticas elixidas para a Maker Faire “encaixan coas liñas de traballo que mantemos desde a Concellaría de Promoción Económica”. María Rozas incidiu en que “a Maker é unha moi boa oportunidade para achegar os oficios tradicionais e a artesanía a novos públicos, e tamén polo tanto para procurar o relevo xeracional”.
Despois da apertura institucional, a primeira charla da xornada correu a cargo de Elena Ferro, artesá de terceira xeración. Tamén participaron Álvaro Indias Salguero, de Arteotro Workshop; ou Francisco Millán, de Frouma; e a artista multidisciplinaria Attua Aparicio, co-fundadora do Silo Studio e con sede en Londres. A xornada completouse cunha mesa redonda sobre comunidades de makers, con Álvaro Indias, Beatriz Barril, Leticia Castro e Carme Casado; e outra sobre novos materiais, con Attua Aparicio, Francisco Guitián e Elena Fabeiro, que explorarán a importancia da innovación nos oficios tradicionais.
A xornada inclúe tamén obradoiros dirixidos principalmente a centros educativos, e pola tarde celebrarase unha sesión de metodoloxía Think Tank onde expertas/os, relatoras/es e argalleiras/os discutirán a porta pechada o futuro dos oficios tradicionais, as oportunidades e os desafíos que deben superar para manterse relevantes no século XXI.