A Cátedra ALDABA-WIB desenvolve o Barómetro da fenda de xénero nos estudos TIC
venres, 16 de decembro do 2022
A Reitoría acolleu esta mañá a presentación do Barómetro
da fenda de xénero nos estudos TIC desenvolvida pola Cátedra ALDABA-WIB (Women, ICT & Business) das universidades da Coruña e Vigo, nun acto presidido
polos reitores Julio Abalde, UDC, e Manuel Reigosa, UVigo; xunto o
socio-director de ALDABA, Enrique Fernández; as codirectoras da Cátedra, Virginia
Mato, pola UDC, e Alma Mª Gómez, pola UVigo; a directora da área de Igualdade
da UVigo, Águeda Gómez; e a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da
UDC, Cristina López.
O Barómetro ten como obxectivo ofrecer un coñecemento exhaustivo e actualizado do que está ocorrendo coa presenza das mulleres nas titulacións da área TIC, pois irá
actualizándose periodicamente. Segundo puxo de manifesto Virginia Mato,
codirectora da Cátedra pola UDC, hai unha caída “dramática” na presenza de
mulleres do bacharelato, cun 54% de alumnas para as xeracións nacidas do 2000
ao 2004, ás titulacións do sector TIC na universidade, co 12% nese mesmo tramo
de idade. O Barómetro ofrece información distribuída en Accesos, mulleres que
inician os seus estudos universitarios; Resultados, comparativa de resultados
académicos entre mulleres e homes; Indicadores e evolución, con indicadores
significativos e evolución da presenza feminina nas carreiras TIC; e Análise
por xeración, coa evolución da porcentaxe de mulleres dunha xeración ao longo
da súa traxectoria académica ata o bacharelato e a súa comparación cos graos de
enxeñaría TIC. Neste sentido, Alma Gómez apuntou que as alumnas universitarias de
titulacións TIC teñen uns resultados académicos “lixeiramente” mellores que os
dos seus compañeiros de clase. “Isto desmitifica o que se di de que as mulleres
non temos capacidades tecnolóxicas”, declarou a codirectora da Cátedra pola
UVigo.
A segregación
horizontal é un tema “preocupante” nas universidades, recoñeceu a directora da
área de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, e desde as Unidades de Igualdade
universitarias trabállase nese sentido con diversas actuacións como o selo Distintivo
de Igualdade que promove a universidade viguesa para recoñecer aquelas
prácticas que integran e fomentan a perspectiva de xénero. A vicerreitora de
Igualdade da UDC, Cristina López, abundou nas iniciativas coruñesas para
promover a igualdade de xénero e asegurou que na UDC “apostamos por traballar
cos homes pois é moi importante sensibilizar para comprometelos”. Cristina López
fixo unha reflexión, ao fío destas datas de Nadal, sobre o tipo de regalos que
reciben os nenos e as nenas, animando a “cambiar os relatos”.
A Cátedra
ALDABA-WIB (Women, ICT & Business) está financiada pola empresa galega
ALDABA, con 150.000 euros en sete anos motivada por un lado, segundo explicou o
socio-director de ALDABA, Enrique Fernández, como unha iniciativa de responsabilidade
social para devolver á sociedade parte do que lle aporta á empresa, e, polo
outro, “porque necesitamos da riqueza intelectual que aporta a diversidade de
xénero para facer o noso traballo”. Fernández animou ás nenas “a que dean o
paso á enxeñaría TIC” porque “nos nosos equipos a día de hoxe nos faltan
mulleres”, nunha empresa que conta cunha presenza feminina do 25%.
O reitor da
Universidade da Coruña, que abriu o acto de presentación agradeceu a
colaboración da empresa ALDABA esta “sensibilidade ante a falta de mulleres no
sector TIC” que se traduce nunha falta de talento. Abalde asegurou que “como
universidade temos o obxectivo de fomentar a vocación entre as nenas e as
mulleres polas titulacións da área TIC”.
O reitor da
Universidade de Vigo pechou a presentación gabando o traballo “excelente” da
Cátedra, froito da colaboración das dúas universidades e a empresa. “Este
barómetro vai fornecer de datos que nos permitan traballar na dirección
correcta”, dixo Reigosa, quen afirmou que as universidades da Coruña e Vigo
“somos institucións irmás”, defendeu a colaboración interuniversitaria que deu
froitos como esta e outras Cátedras en común, e tamén puxo en valor o apoio da
universidade viguesa á candidatura da Coruña como sede a Axencia Española de Supervisión
de Intelixencia Artificial, AESIA.
