A Cátedra Aldaba-WIB premia o vídeo Supertech do alumnado do Colexio Padre Feijoo de Ourense
venres, 24 de abril do 2026
A Cátedra Aldaba-WIB (Universidade da Coruña e Universidade de Vigo) fixo entrega do primeiro premio do certame Vídeos pola Igualdade ao alumnado de 1º da ESO do Colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense, polo vídeo titulado Supertech, nun acto celebrado no propio centro educativo. Esta iniciativa enmárcase na aposta da Cátedra por fomentar a igualdade de xénero no ámbito tecnolóxico, coincidindo coa celebración da Semana do Día Internacional das Nenas nas TIC, que se conmemora cada ano o cuarto xoves de abril.
O vídeo gañador, Supertech, presenta a figura dunha superheroína que asume a misión de situar “no mapa” ás mulleres con vocacións STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática). O xurado valorou que “a través dunha narrativa próxima e participativa, a peza audiovisual consegue transmitir unha mensaxe clara: a tecnoloxía tamén é un espazo para as mulleres”.
O xurado, formado pola dirección da Cátedra, valorou especialmente “a orixinalidade da proposta, a forza do seu discurso, a calidade da realización e a súa perspectiva de igualdade”. Tamén destacaron que o traballo aborda un tema complexo cunha linguaxe accesible, empregando a creatividade, o humor e o traballo colaborativo para romper estereotipos e fomentar referentes femininos no ámbito tecnolóxico.
Durante o acto de entrega, representantes da Cátedra puxeron en valor non só o resultado final do proxecto, senón tamén o proceso educativo que hai detrás, destacando o traballo en equipo do alumnado e o acompañamento do profesorado. Así mesmo, subliñaron a importancia de impulsar este tipo de iniciativas desde as etapas educativas iniciais, onde se constrúen as vocacións e os referentes.
O premio, destinado a apoiar ao centro educativo, consistirá en material educativo e tecnolóxico que contribuirá a seguir fomentando o desenvolvemento de competencias dixitais e creativas no alumnado.
Próximas actividades en 2026
Tras este recoñecemento, a Cátedra Aldaba-WIB continuará desenvolvendo o seu calendario anual de actividades co obxectivo de reforzar o vínculo entre sociedade, universidade e empresa. Entre as iniciativas previstas destacan:
-O Aldaba TIC-Camp, que fomenta o interese pola tecnoloxía desde idades temperás, reservando o 80% das prazas para nenas.
-Os I Premios TFG Aldaba-WIB, orientados a recoñecer traballos universitarios que contribúan a reducir a fenda de xénero.
-A actualización do Barómetro BBG-TIC, coa incorporación dos datos do curso 2025/2026 para analizar a evolución da presenza feminina nos estudos TIC.
-O desenvolvemento dos programas VisibilizaTIC e charlas divulgativas, centrados na orientación en Bacharelato e na aplicación práctica das TIC no ámbito empresarial.
-O programa de bolsas, co que Aldaba continuará impulsando o talento novo mediante a participación do estudantado en proxectos reais da compañía.
A Cátedra Interuniversitaria Aldaba-WIB: Women, ICT & Business, creada pola empresa Aldaba e as Universidades da Coruña e Vigo, foi materializada no ano 2019 e promove a colaboración entre universidade e empresa para avanzar cara a un sector tecnolóxico máis igualitario, diverso e humano. Entre as súas liñas de actuación destacan o impulso do talento feminino nas TIC e o apoio ao alumnado para facilitar a súa inserción laboral.
