A Cátedra CAMELIA forma persoal do sistema sanitario galego en IA

martes, 7 de outubro do 2025 Redacción

A Cátedra USC-Plexus en Intelixencia Artificial aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA) culminou un curso intensivo dirixido a profesionais do Sergas para acelerar a integración da IA na práctica clínica, en colaboración coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e PM4Gov. O programa desenvolveuse en setembro en catro xornadas celebradas no Hospital Clínico Universitario de Santiago e na Universidade de Santiago de Compostela, con participación de directivos, persoal técnico, de xestión e clínico.
O director da Cátedra CAMELIA e do CiTIUS, Senén Barro Ameneiro, subliñou o propósito da iniciativa: «Contribuír a que o persoal sanitario poida achegarse a unha tecnoloxía que xa forma parte do presente da medicina e que o fará aínda máis no seu futuro. Formar en intelixencia artificial a quen traballa día a día nos servizos de saúde é clave para garantir que o seu uso se faga con coñecemento, con rigor científico e cunha visión ética que poña sempre o paciente no centro».
O contido combinou fundamentos de IA e aprendizaxe automática con cuestións de gobernanza e lexislación (espazos de datos e novo marco normativo en Galicia), así como ética aplicada. A última sesión estivo centrada en casos de uso xa operativos: apoio ao diagnóstico en radioloxía de urxencias, análise de imaxe médica con técnicas de deep learning, experiencias en cardioloxía, diagnóstico clínico e atención primaria, ademais do emprego de modelos xerativos para procesamento de linguaxe natural.
No cadro docente participaron investigadores do CiTIUS e membros da Cátedra xunto con profesionais de ACIS, PM4Gov e especialistas do sistema sanitario galego, co obxectivo de achegar base científica e exemplos prácticos orientados á mellora da atención e á optimización organizativa dos servizos. A actividade enmárcase nas Cátedras ENIA, financiadas pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial e pola Unión Europea a través de NextGenerationEU (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia).