A Cátedra CAMELIA lidera a formación de IA en saúde no seu primeiro ano

mércores, 27 de maio do 2026 S. P.

A Cátedra USC-Plexus en Intelixencia Artificial aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA) concluíu o seu primeiro ano como “referente en formación e investigación en intelixencia artificial aplicada á saúde”, segundo informaron as entidades impulsoras este mércores 27 de maio durante un acto no que se fixo balance do seu treito inicial.
Na cita engadiuse que a iniciativa impulsou programas especializados dirixidos a profesionais sanitarios, investigadores e directivos, á vez que reforzou a súa vocación investigadora e de transferencia de coñecemento con novos servizos orientados a garantir un uso seguro, fiable e ético da IA no ámbito sanitario.
Os principais resultados desta primeira etapa presentáronse este martes 27 nunha cita celebrada en Santiago que contou coa participación da reitora da USC, Rosa Crujeiras; o subdelegado do Goberno en A Coruña, Julio Abalde; a directora xeral de IA do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, Aleida Alcaide; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; o director da Cátedra CAMELIA, Senén Barro; e o socio director de Plexus, José Manuel Chao.
O encontro contou tamén coa intervención do investigador César de la Fuente, catedrático da Universidade de Pensilvania e director do Machine Biology Group, considerado un dos principais referentes internacionais na aplicación da IA ao descubrimento de novos tratamentos e antibióticos.
Senén Barro destacou os resultados alcanzados neste primeiro ano, subliñando o avance nas liñas de formación, investigación e transferencia de coñecemento, así como a consolidación dun ecosistema de colaboración público-privada en torno á intelixencia artificial aplicada á saúde.
Amais, sinalou que está en marcha un estudo sobre percepción social, partindo dunha enquisa dirixida a máis de 4.000 persoas en España, orientada a analizar como a cidadanía percibe a integración da IA no ámbito sanitario, desde o uso de modelos de linguaxe para consultas de saúde ata a súa incorporación na práctica clínica hospitalaria para o apoio ao diagnóstico.
Para Barro, “coñecer a opinión que as persoas temos sobre o uso de IA en saúde é fundamental para saber as nosas preocupacións, prexuízos, en particular os que xeran medos infundados ou expectativas excesivas, e saber cales son os nosos intereses. Doutro modo todos actuamos a cegas, tanto ao investigar en IA como ao aplicar resultados”.
Pola súa banda, a reitora da USC (Rosa Crujeiras) puxo en valor “o papel da Universidade de Santiago de Compostela como referente en investigación e formación en intelixencia artificial aplicada á saúde, reforzando a súa posición de liderado no ámbito da investigación biomédica e a innovación científica en Galicia e no conxunto do sistema universitario español”.
Para Crujeiras, “a medicina personalizada de precisión non pode abordarse desde unha única perspectiva; require integrar coñecementos da medicina, a bioloxía, a intelixencia artificial, a informática, a matemática aplicada, a estatística ou as ciencias sociais. E precisamente esa capacidade de conectar disciplinas diferentes arredor dun obxectivo común é unha das grandes fortalezas deste proxecto”, dixo.
Na mesma liña, o socio director de Plexus e codirector da cátedra, José Manuel Chao, sinalou que “a intelixencia artificial é xa unha ferramenta clave para transformar o sistema sanitario, pero o seu impacto dependerá de como se adopte. Iniciativas como CAMELIA permiten achegar estas tecnoloxías aos profesionais cun enfoque práctico, rigoroso e aliñado coas necesidades reais do sistema de saúde”.
Pola súa parte, Aleida Alcaide enxalzou a importancia de iniciativas como CAMELIA para “impulsar unha adopción consciente e segura da intelixencia artificial no ámbito sanitario”, destacando o papel da colaboración entre institucións, universidades e empresas para “conectar o talento e a investigación en tecnoloxías como a IA desde os centros de excelencia e universidades co progreso do noso privilexiado sistema de saúde, un pilar clave do noso país e moi recoñecido internacionalmente".
Ao tempo, o subdelegado do Gobierno en A Coruña destacou “o compromiso do Gobierno de España coa transformación dixital de Galicia, con iniciativas como o programa RETECH-KHN para a protección do patrimonio, a sede na Coruña da Axencia de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), a Factoría de Intelixencia Artificial que albergará o CESGA ou esta cátedra que, enmarcada na Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, apoiamos cun investimento de 900.000 euros, coa fin de impulsar o talento e a investigación no ámbito da saúde dixital, pois defendemos un desenvolvemento tecnolóxico ético, humanista e centrado en mellorar a vida das persoas”.
Antibióticos e IA
Un dos referentes mundiais na aplicación da IA ao descubrimento de novos fármacos e antibióticos, César de la Fuente, ofreceu unha videoconferencia na que compartiu a súa visión sobre o impacto destas tecnoloxías na transformación da medicina e no desenvolvemento de solucións innovadoras para os grandes retos da saúde. De la Fuente explicou como co seu equipo de investigadores da Universidade de Pensilvania desenvolveu sistemas de IA como ApexGO, capaces de deseñar e optimizar candidatos a antibióticos máis potentes con maior rapidez, partindo de péptidos (pequenas moléculas con actividade antimicrobiana) e propoñendo melloras sobre estruturas existentes para aumentar a súa eficacia fronte a bacterias resistentes.
Servizo de Asesoría en IA e guía de boas prácticas
Amais, CAMELIA reforzou neste primeiro ano a súa actividade co lanzamento de novos servizos orientados á contorna sanitaria. Entre eles destaca un servizo de asesoramento de proxectos que integren ferramentas IA no ámbito da medicina e a saúde, dirixido a institucións, empresas e equipos profesionais que buscan incorporar estas tecnoloxías con garantías éticas, normativas e estratéxicas, acompañando todo o ciclo dos proxectos desde o seu deseño ata a súa implementación.
As persoas e institucións interesadas poden solicitar asesoramento a través dun formulario dispoñible na web da Cátedra, detallando as súas necesidades e obxectivos específicos. O equipo de CAMELIA ofrece orientación tanto en aspectos técnicos de IA como en cumprimento normativo e marco ético, asegurando un acompañamento integral en cada proxecto.
Cifras destacadas
Segundo se fixo saber no balance deste 27 de maio, no plano académico e científico a Cátedra “consolidou neste primeiro ano unha intensa actividade de formación, investigación e difusión do coñecemento”. Durante 2025 “impulsou a formación de profesionais do ámbito sanitario e directivo, contribuíu á formación de persoal investigador en IA aplicada á saúde, publicando en acceso aberto todos os resultados científicos derivados da súa investigación”, sinalaron.
Polo que respecta á divulgación organizáronse actividades de divulgación de IA en saúde para máis dun milleiro de persoas a través de eventos e encontros especializados, cursos de verán e a súa participación en 18 congresos e seminarios.
A presenza en redes sociais, con preto de medio milleiro de seguidores, e o web institucional da Cátedra consolidaron CAMELIA como “un altofalante clave para compartir coñecementos e fomentar a interacción coa comunidade profesional e académica”, concluíron.