A Cátedra Deloitte da UVigo premia o traballo ben feito en ciberseguridade

luns, 4 de decembro do 2017 Redacción

A Cátedra Deloitte de Ciberseguridade da Universidade de Vigo, creada hai un ano para achegar formación e análise arredor dos principais riscos da comunicación dixital e as ameazas que nos chegan a través destas canles, deu a coñecer a semana pasada os nomes dos alumnos recoñecidos ao abeiro da primeira convocatoria dos seus premios. Os responsábeis da cátedra entregaron un total de sete galardóns. A entrega de distincións, con contías que oscilaron entre os 500 e os 1.000 euros, tivo lugar na sala de xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. No acto, os directores da cátedra (Íñigo Cuiñas, director da dita escola do Campus de Vigo, e Rubén Frieiro, socio de Deloitte encargado da área de Ciberseguridade) aproveitaron para felicitar ao alumnado distinguido e para facer balance deste primeiro ano de vida desta iniciativa.
Na sesión tamén se fixo un chamamento a a prol de iniciativas que fomenten e incentiven o papel da muller nas carreiras científico-técnicas, “pois de non conseguilo estamos a perder, cando menos, o 50% de todo o potencial de talento TIC, incluídos os temas de ciberseguridade”, sinalaron Cuiñas e Frieiro.
O Premio ao Mellor Traballo Fin de Mestrado foi dar a mans de Pablo Domínguez, quen sinalou que a súa investigación céntrase na Internet das Cousas e consistiu no desenvolvemento e na validación dun protocolo de cifrado de mensaxes en dispositivos con poucos recursos, empregando diferentes procesos de simulación. Domínguez recolleu o premio acompañado do seu titor, o profesor Manuel Fernández Veiga.
O Premio ao Mellor Traballo Fin de Grao foi para Pedro Tubío por un estudo e desenvolvemento dunha metodoloxía de análise de riscos empregando algoritmos de predición abertos similares a Cortana. “Trátase de intentar detectar cando hai unha ameaza e facelo antes de que aconteza”, explicou o alumno, que recolleu o premio acompañado pola profesora Cristina López Bravo.
Polo que atinxe ao Premio ao Mellor Proxecto con Impacto Social, recaeu en Alberto José Novoa por un traballo no que se desenvolven ferramentas para medir a temperatura no perímetro de zonas afectadas por incendios forestais e unha avaliación da súa utilidade para a prevención de posíbeis reproducións.
A maiores destes premios recoñecéronse tamén as mellores propostas de traballo, “coa idea de que se propoñan máis ideas para este ano”, tal e como recalcou Íñigo Cuiñas. Os premiados neste caso foron os alumnos Vlad Dragos Darau e Samuel Rodríguez, estudante da Escola de Enxeñaría Informática, que non puido asistir por atoparse fóra do país, recollendo o seu premio o director da escola Francisco Javier Rodríguez. Os premios de creación e deseño da web recaeron ambos no estudante José Manuel Mariñas Bascoy.
Con respecto ao balance da cátedra para 2017, Íñigo Cuiñas salientou a realización de múltiples conferencias e obradoiros que correron a cargo de profesionais “de recoñecido prestixio”; a realización dun curso complementario sobre ciberseguridade ao que asistiron 28 persoas e a adquisición de equipamento para a realización dun obradoiro sobre ciberseguridade en procesos automatizados que se realizará en 2018. A todo isto, engadiu a relevancia dos traballos de preparación do Máster en Ciberseguridade que comezará a impartirse o curso que vén en colaboración coa Facultade de Informática da Universidade de Coruña.

PUBLICIDADE