A Cátedra Deloitte da UVigo premiará os mellores traballos universitarios das TIC solidarias

luns, 3 de agosto do 2020 Sonia Pena

A Cátedra Deloitte da Universidade de Vigo vai premiar os mellores traballos universitarios TFG (fin de grao) e TFM (fin de mestrado) do eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) con vertente social e solidaria. Concederase un premio ao mellor TFG, dotado con 750 euros, e un premio ao mellor TFM, dotado con 1000 euros.
Para poder participar nesta convocatoria, o alumnado da UVigo deberá ter superado o traballo fin de estudos durante o curso 2019/2020 nalgunha das titulacións que ofrecen a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (Campus de Vigo) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (Campus de Ourense) cunha cualificación igual ou superior a sete puntos. O traballo “deberá ter un impacto na sociedade que redunde nun beneficio para o desenvolvemento da mesma”.
O prazo de presentación de solicitudes, que é telemática, está aberto ata o 21 de setembro.
A comisión avaliadora dos premios estará formada por Íñigo Cuiñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e da Cátedra Deloitte; Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e Rubén Frieiro, socio de Deloitte Advisory. A selección dos traballos gañadores realizarase de acordo con catro criterios, que son o seu carácter innovador, o deseño do plan de traballo (obxectivos, preguntas, instrumentos de recollida e medición de datos...), os beneficios sociais e o grao de aplicabilidade.

PUBLICIDADE