A Cátedra Feminismos 4.0 subvenciona seis investigacións centradas na esfera dixital

venres, 4 de agosto do 2023 S. P.

A Cátedra Feminismos 4.0, que impulsan a UVigo e a Deputación de Pontevedra, acaba de dar a coñecer os seis proxectos que recibirán financiamento ao abeiro da súa convocatoria de axudas de investigación de 2023, que se repartirán un total de 30.000 euros. A contorna dixital, as redes sociais e as aplicacións terán un gran protagonismo nestas propostas, de feito a metade dos traballos seleccionados xiran arredor deste tipo de temáticas. Isto entronca coa actividade primordial da cátedra, nada en 2019, que ten como finalidade a promoción da igualdade no ámbito dixital e nas disciplinas STEAM,
Nesta convocatoria correspondente ao ano 2023, o comité avaliador decidiu outorgar a puntuación máis alta á proposta da profesora Iria Vázquez Silva, do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, para o deseño dunha aplicación móbil que permita mellorar a atención e coordinación en violencia de xénero. Este proxecto recibirá unha achega de 6000 euros.
A proposta de Ana Isabel Rey Cao, do Departamento de Didácticas Especiais, foi a que obtivo a segunda mellor cualificación. A docente centrarase no uso das tecnoloxías dixitais para a promoción da saúde, en concreto realizando unha adaptación do cuestionario SaludDigitalEdu á poboación adolescente galega e recibirá unha subvención de 5.654 euros.
Outra das investigación que se porán en marcha estará coordinada por Luis Xabier Martínez Rolán, profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, e consistirá nunha análise da toxicidade e as violencias machistas en redes sociais, para o cal realizará un estudo cualitativo entre o alumnado da UVigo, contando cunha subvención de 5465 euros.
Un cuarto proxecto centrarase en realizar un estudo exploratorio do hábitat igualitario da cidade de Pontevedra. Esta liña de traballo estará liderada pola profesora Silvia Pérez Freire, do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, que recibirá unha axuda de 5023 euros.
A comisión avaliadora tamén aprobou unha axuda de 4083 euros para a proposta de María Concepción Paz Penín, do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos e directora do centro de investigación CINTECX, para elaborar unha guía operativa que incorpore a perspectiva de xénero á investigación no eido tecnolóxico-industrial.
Finalmente, nesta convocatoria tamén se seleccionou o proxecto de Rocío Hernández Arias, do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura, titulado A outra cara da edición feminina en Galicia: ilustradoras, maquetadoras e tradutoras no século XXI, que recibirá unha achega de 3769 euros.