A Cátedra Greenalia-UDC premia tres traballos sobre solucións tecnolóxicas de eficiencia enerxética

xoves, 17 de outubro do 2024 S. P.

A Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética entregou os II premios Galicia Renovable, que recaeron en catro estudantes, dous da Universidade da Coruña (UDC) e dous da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Erick Jesús Morais Pombo, Saleta Martínez Tella, Miguel Díaz Abalo e Miguel Varela Hoyos son os estudantes recoñecidos nesta segunda edición dos premios, que buscan dar visibilidade a aqueles proxectos que contribúan ao proceso de descarbonización en Galicia.
O xurado destacou o éxito de participación desta edición, cun total de 34 proxectos presentados, 20 na categoría de Traballo Fin de Grao (TFG) e 14 na categoría de Traballo Fin de Máster (TFM), e a creatividade e innovación tecnolóxica dos mesmos, así como o gran potencial e a aplicabilidade das solucións expostas.
Ademais, sinalou a calidade dos proxectos presentados, nos que se podía comprobar os avances e propostas innovadoras nos distintos ámbitos de investigación das universidades galegas en relación coa transición enerxética e na loita contra o cambio climático.
Os galardóns foron entregados nun acto presidido polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e no que participaron a directora de Desenvolvemento Corporativo e Sostibilidade de Greenalia, Beatriz Mato; o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Xunta de Galicia, Nicolás Vázquez; o presidente da Asociación Eólica de Galicia, José Manuel Pazo; e a adxunta de Investigación da UDC, Amalia Jácome.
Nesta segunda edición establecéronse dúas categorías: unha, para os TFM, cun galardón de 1.200 euros, e outra, para os TFG, con dous premios. O primeiro está dotado de 1.000 euros e o pago da matrícula dun curso académico nun dos mestrados que oferte a UDC para o seguinte curso e o segundo de 750 euros, ao que se suma tamén o abono da matrícula.
Premio Fin de Mestrado
O premio ao Mellor Traballo de Fin de Mestrado foi outorgado a Erick Jesús Morais Pombo, graduado en Enxeñaría Informática pola UDC. O traballo titulado Sistema de Información Xeográfica para análise de consumo enerxético en edificacións busca crear un sistema de información xeográfica capaz de analizar a demanda enerxética existente nas edificacións urbanas. Para elo, utilízase un Modelo Urbano de Enerxía en Edificacións (UBEM), desenvolto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC), para predicir demandas de calefacción, refrixeración e iluminación nos edificios e permite simular melloras na eficiencia enerxética a través de reformas arquitectónicas. O sistema facilita a toma de decisións para reducir a demanda enerxética e as emisións, aliñándose coas políticas de transición enerxética.