A Cátedra Inditex-UDC impulsa tres programas de formación en IA verde

martes, 7 de xullo do 2026 S. P.

Exterior do edificio do CITIC no Campus de Elviña na Coruña (UDC)

A Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes abriu o prazo de preinscrición da nova edición do seu programa formativo, integrado por un Curso de Experto en IA e Algoritmos Verdes e dúas microcredenciais universitarias centradas no deseño, a implementación e as aplicacións prácticas de algoritmos verdes para a intelixencia artificial.
Segundo informou o CITIC da UDC, a iniciativa ofrece unha formación especializada nun dos ámbitos con maior proxección dentro do sector tecnolóxico, onde a crecente implantación da intelixencia artificial está impulsando a demanda de profesionais capaces de desenvolver modelos máis eficientes desde o punto de vista computacional e enerxético, contribuíndo así a unha IA máis sustentable.
A oferta está dirixida tanto a estudantes e titulados que desexen orientar a súa carreira cara a un eido con amplas oportunidades laborais como a profesionais que busquen actualizar as súas competencias e incorporar coñecementos sobre sustentabilidade e eficiencia no desenvolvemento de solucións baseadas en intelixencia artificial.
Cun enfoque eminentemente práctico, o programa aborda contidos relacionados coa aprendizaxe automática eficiente, o deseño respectuoso co medio de modelos de IA, a análise de datos, o procesamento da linguaxe natural, a visión por computador e as aplicacións da IA verde na Industria 4.0 e 5.0.
A nova edición inclúe tres accións formativas:
-Curso de Experto en IA e Algoritmos Verdes, de 25 créditos ECTS, que se impartirá entre outubro de 2026 e febreiro de 2027 en modalidade presencial no CITIC da UDC.
-Microcredencial Algoritmos Verdes para a IA: Aplicacións Prácticas, tamén de 6 créditos, que se desenvolverá entre novembro e decembro de 2026 en modalidade virtual.
-Microcredencial Algoritmos Verdes para a IA: Deseño e Implementación, de 6 créditos ECTS, que se vai celebrar entre setembro e outubro de 2026 en modalidade híbrida.
O prazo de preinscrición permanecerá aberto ata o 10 de xullo para o Curso de Experto e a microcredencial Aplicacións Prácticas, e ata o 15 de xullo para a microcredencial Deseño e Implementación.
Con esta nova edición, a Cátedra Inditex-UDC reforza o seu compromiso coa formación de profesionais capaces de liderar o desenvolvemento de tecnoloxías de intelixencia artificial máis eficientes e sustentables, contribuíndo á transición cara a un modelo tecnolóxico máis consciente e aliñado cos retos ambientais e industriais actuais.
Toda a información sobre a inscrición, programa e matrícula está dispoñible na páxina web da Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes.