A Cátedra Inditex-UDC organiza no CITIC da UDC o I Simposio en IA Verde

mércores, 12 de novembro do 2025 S. P.

Os vindeiros días 25 e 26 de novembro celebrarase no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña o I Simposio en Intelixencia Artificial Verde, unha iniciativa promovida pola Cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes. O evento desenvolverase en modalidade híbrida, con sesións presenciais na Coruña e acceso virtual para participantes remotos.
Segundo explicou a UDC, o simposio “nace co obxectivo de crear un espazo de encontro entre a comunidade investigadora, o sector empresarial e as institucións, para abordar os desafíos actuais da Intelixencia Artificial desde unha perspectiva de sustentabilidade e compromiso medioambiental”.
Engade a Universidade da Coruña que “o cambio climático afecta de xeito transversal ás nosas sociedades e a actividade computacional —incluíndo os modelos de IA e os centros de datos— é xa unha fonte significativa de emisións de gases de efecto invernadoiro”, e fronte a este desafío “a Cátedra aposta por un enfoque multidisciplinar e cooperativo que permita avanzar cara a algoritmos máis sostibles, modelos máis eficientes en canto ao consumo enerxético e aplicacións que contribúan activamente á loita contra a crise climática”.
O programa do simposio incluirá conferencias, mesas redondas e presentacións de proxectos de investigación e ciencia cidadá, desenvolvidos desde a Cátedra, así como iniciativas no ámbito da chamada IA Verde, cunha ampla representación de especialistas de referencia nesta temática.

Conferencias convidadas

O encontro contará coa participación de expertas e expertos internacionais que achegarán unha visión crítica e multidisciplinar sobre os retos e oportunidades da Intelixencia Artificial no desenvolvemento sostible:

  • Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e IA da Universidade da Coruña e coordinadora do Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial (LIDIA). Membro do Consejo Asesor de Inteligencia Artificial do Ministerio de Transformación Digital y de la Función Pública.

  • Ricardo Vinuesa Motilva, profesor asociado do Departamento de Enxeñaría Espacial na Universidade de Michigan. ERC Consolidator Grant.

  • Mar Santamaria-Varas, arquitecta e co-fundadora de 300.000 Km/s, especializada en planificación urbana, políticas públicas e sustentabilidade.

  • Jorge Castellanos Claramunt, profesor titular de Dereito Constitucional na Universitat de València, e actualmente Vogal Coordinador da Unidade de Apoio e Relacións Institucionais da Axencia Española de Protección de Datos.

A inscrición é gratuíta, mais require rexistro previo en liña.

Programa do simposio

25 de novembro

9:00-9:30 – Rexistro e acreditación
09:30 – Acto de Benvenida e inauguración institucional
10:00 – Keynote speaker nº1
Amparo Alonso Betanzos (Universidade da Coruña)
11:00 – TIC Talk IA Verde (novos investigadores CITIC)
Olga Zamaraeva (Cátedra UDC-INDITEX de IA en Algoritmos Verdes)
Daniel García (Cátedra UDC-INDITEX de IA en Algoritmos Verdes)
11:30 – Café
12:00 – Comunicacións orais
13:30 – Keynote speaker nº2
Ricardo Vinuesa (University of Michigan)
14:30-16:00 – Descanso comida
16:00 – Mesa redonda empresas – Os Centros de Proceso de Datos
17:00 – Sesión pósters + café
18:00 – Peche sesión día 1

26 de novembro

09:30 – Keynote speaker nº3
Mar Santamaría Varas (300.000 – Kms/s)
10:30 – O Programa Nacional de Algoritmos Verdes (PNAV)
David Gómez Cordero. Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial
Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública. Goberno de España.
11:30 – Café
12:00 – Mesa redonda Real Academia de Ingeniería (RAING)
13:00 – Presentación de resultados proxectos de Ciencia Cidadá da Cátedra:
Francisco Rey Vizoso (Cátedra UDC-ITX IA en Algoritmos Verdes)
Beatriz Vázquez Guimeráns (Ingenyus)
13:30-15:00 – Descanso comida
15:00 – Keynote speaker nº4
Jorge Castellanos Claramunt (Universidade de Valencia e AEPD)
16:00 – Seminario sobre Impacto legal, económico e regulatorio da IA Verde.
Julián Valero (Universidade de Murcia)
Fernando González Laxe (Universidade da Coruña)
Enrique Calvo Cádiz (Axencia Española de Supervisión de IA – AESIA)
17:00 – Comunicacións orais
18:00 – Clausura