A Cátedra Rosalía de Castro da USC impulsa o primeiro museo en liña de iconografía rosaliana

martes, 30 de decembro do 2025 S. P.

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago impulsou o Museo virtual de iconografía de Rosalía de Castro, que nace como o “primeiro espazo dixital integramente dedicado á iconografía rosaliana”, pensado tanto para a investigación como para a divulgación e a educación patrimonial.
A USC explica que o percorrido artéllase en torno a un extenso e heteroxéneo corpus de fontes visuais que abrangue desde o século XIX ata a actualidade, o que permite rastrexar distintos réximes de representación e estratexias de memorialización arredor da autora.
A iniciativa que agora dá os seus primeiros pasos é o resultado do proxecto Rosalía 2.0: catalogación, estudo e dixitalización da iconografía sobre Rosalía de Castro, un traballo desenvolvido durante o curso 2024-2025, grazas a unha bolsa de investigación en humanidades da Deputación da Coruña, por Laura Camino Plaza.
Cedido para a súa preservación e difusión á Cátedra Rosalía de Castro da USC, este museo reúne e fai accesible material visual fundamental para comprender como se representou e conmemorou a imaxe da autora ao longo do tempo.
A investigación de Laura Camino permitiu reunir, analizar e difundir un corpus iconográfico heteroxéneo, procedente de distintas fontes e épocas, e transformalo nun espazo dixital sen barreiras e con marxe abonda de actualización, pensado tanto para o público xeral como para a comunidade académica.
“A posibilidade de incorporar novas pezas garante que o museo permaneza como un proxecto vivo e colaborativo”, destacan dende esta cátedra institucional da USC.
Laura Camino Plaza é filóloga clásica e doutora en Estudos da Literatura e da Cultura pola Universidade de Santiago de Compostela. Especializouse en estudos de xénero, teoría e historia das emocións e humanidades dixitais, ámbitos nos que desenvolveu varios proxectos de investigación e publicou diversos artigos. O seu proceso de traballo para este proxecto combinou metodoloxías tradicionais de análise documental coa aplicación de ferramentas dixitais, demostrando a utilidade de integrar enfoques interdisciplinarios no estudo do patrimonio literario.
Entre as conclusións da investigación destaca a” pluralidade de imaxes de Rosalía de Castro, que revela a súa condición de mito en continua reconfiguración, capaz de adaptarse ás necesidades simbólicas e afectivas de cada época”, explica a investigadora, salientando tamén “a dimensión emocional e identitaria da iconografía rosaliana, que explica a permanencia da autora no imaxinario galego, onde funciona como elemento cohesivo dunha comunidade cultural diversa e mesmo transnacional”.