A Cátedra Telefónica da UVigo celebrou unha xornada na Escola Naval Militar de Marín

martes, 14 de outubro do 2025 S. P.

A Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo trasladou este martes 14 de novembro a súa actividade dende o campus universitario á Escola Naval Militar de Marín, onde o alumado asistiu a un encontro sobre ecosistemas de innovación aberta en Defensa.
Tal e como destacou a directora de Telefónica en Galicia, Paula Beirán, na súa intervención inaugural, o obxectivo deste encontro era que os alumnos puidesen coñecer de primeira man “as tecnoloxías nas que se está traballando nos proxectos estratéxicos de Defensa e, en definitiva, as oportunidades laborais que xorden neste ámbito”.
A directora de Telefónica estivo acompañada no acto de inauguración polo director da Escola Naval Militar, o comandante Tomás Clavijo, e polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.
Os alumnos e alumnas asistiron a continuación a dúas mesas redondas (sobre ecosistemas de innovación aberta e sobre os proxectos de innovación que se están levando a cabo agora en Defensa) nas que participaron tanto o reitor como Jesús Abraham, CIO de Defensa de Telefónica España e Capitán de Corveta, e Fernando Obelleiro, catedrático da Universidade de Vigo.
O peche da xornada consistiu nunha visita dos alumnos aos simuladores SIANA e CAVIR.
Telefónica constituíu a súa cátedra homónima na Universidade de Vigo hai xa 12 anos co obxectivo de promover a aplicación das tecnoloxías da información e as comunicacións no ámbito do ensino universitario, a investigación e a innovación.
Dirixida polo catedrático José Cidrás, desenvolveu talleres e conferencias de interese para os alumnos (obradoiros de Arduino, xornadas de enerxía e cidades intelixentes, seminarios sobre a plataforma MiríadaX e os MOOCs) e participou, entre outros, no Foro Tecnolóxico de Emprego, o congreso Smart Cities and Communities ou no encontro Hack for Good.