A Cátedra Telefónica da UVigo mostra o camiño para transformar unha idea nun produto IoT de mercado
mércores, 19 de novembro do 2025
A Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo celebrou na mañá deste 19 de novembro, na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, o obradoiro Da idea comercializadora: deseño de produto e modelo de negocio para solucións IoT, no que se mostraron aos alumnos da institución académica as fases e procesos que deben seguir para converter unha idea inicial nun produto de IoT (siglas de Internet das Cousas) comercializable no mercado.
A xornada, na que participou un grupo de 40 estudantes, foi impartida polo equipo novo de Innovación e Novos Negocios de Telefónica Tech, a unidade de negocios dixitais de Telefónica, líder en integración de sistemas e tecnoloxías avanzadas de ciberseguridade, computación na nube, análise de datos a gran escala (Big Data) ou IA, con presenza en 175 países.
Durante o taller, que combinou formación teórica e práctica, os estudantes desenvolveron unha solución IoT completa desde a perspectiva dunha empresa de servizos tecnolóxicos B2B, abordando aspectos técnicos e estratéxicos para definir un produto, o seu modelo de negocio e a súa comercialización, simulando, tamén, unha presentación ante posibles investidores. A sesión, intensiva e de tres horas de duración, fomentou, ademais, a adquisición de novas habilidades, a xeración de ideas e a resolución de problemas, a través de dinámicas grupais.
Tal e como destacou o director do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Alonso, durante a apertura do evento, “o desenvolvemento de ferramentas de conectividade para empresas é un dos eidos onde existe unha maior demanda na actualidade” e a complexidade está en identificar a idea de negocio e saber como desenvolvela porque “ideas, mesmo ideas boas, ten moito xente, pero xa son menos os que teñen a capacidade e a tenacidade para convertelas nun produto listo para lanzar ao mercado”.
Alonso estivo acompañado pola vicerreitora de Estudantes e Emprego, Natalia Caparrini, e o director da Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, José Cidrás.
Doce anos promovendo as Tecnoloxías da Información
Telefónica constituíu a súa cátedra homónima na Universidade de Vigo hai xa 12 anos co obxectivo de promover a aplicación das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) no ámbito do ensino universitario, a investigación e a innovación. Dirixida polo catedrático José Cidrás, desenvolveu obradoiros e conferencias de interese para os alumnos (obradoiros de Arduino, xornadas de enerxía e cidades intelixentes, seminarios sobre a plataforma MiríadaX e os MOOC, etc) e participou, entre outros, no Foro Tecnolóxico de Emprego, o Congreso Smart Cities and Communities ou no encontro Hack for Good.
