A Cátedra Telefónica da UVigo organiza unha nova edición de HackForGood
xoves, 20 de outubro do 2022
Un
encontro para que estudantes e voluntarios traballen durante dous
días, de xeito colaborativo, co obxectivo de desenvolver solucións
tecnolóxicas avanzadas con finalidades sociais. Este é o gran reto
de HackForGood,
iniciativa da Rede de Cátedras Telefónica que conta coa
colaboración de dúas ducias de universidades estatais (incluída a
UVigo), e entidades como a Fundación Hazloposible, a Fundación
Telefónica e LoopUp. Trátase do maior encontro tecnolóxico de
España por número de participantes. Nesta edición repartiranse
máis de 50.000 euros en premios.
A
directora en Galicia e Asturias de Telefónica, Paula Beirán, e o
reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, inauguran
este venres 21 de outubro, ás 10.30 horas no Teatro Cidade
Universitaria da Universidade de Vigo, a convocatoria 2022 de Hack
for Good. Esta 8ª edición do hackathon HackForGood,
organizado pola Rede de Cátedras Telefónica, reunirá a entre o 20
e o 22 de outubro a máis de 1.000 mozos de varias universidades de
España para enfrontarse a un centenar de retos tecnolóxicos con
fins sociais. O hackaton iníciase o venres ás 9 h. e termina
ao día seguinte, sábado, ás 15 h.
Esta
iniciativa, enmarcada no Ano Europeo da Mocidade, pretende
“contribuír a poñer o foco sobre a importancia da mocidade
europea para construír un futuro mellor, máis verde, máis
inclusivo e dixital, co obxectivo de non deixar a ninguén atrás”,
en palabras da Rede de Cátedras Telefónica.
Pódese
participar de tres formas diferentes: como hacker, programador
nun grupo de 2 a 6 persoas; como retador, enviando un reto ou expondo
un problema social; como divulgador, dando a coñecer HackForGood. O
xurado valorará a formación de equipos multidisciplinares que
inclúan todo tipo de perfís: deseñadores, informáticos,
enxeñeiros, técnicos, sociólogos, emprendedores sociais, etc., do
mesmo xeito que a creatividade e innovación das solucións
propostas, o grao de acabado conseguido durante o hackathon e
o seu impacto social.
A
dotación dos premios ascende a 50.000€, entre galardóns locais,
para os gañadores de cada sede, e o tres nacionais. Na Universidade
de Vigo convócanse tres premios HackForGood locais e catro premios
temáticos que en conxunto suman 4.000 euros e que recoñecerán as
mellores iniciativas en Innovación Enerxética e Sustentabilidade,
Innovación Social e a súa adecuación aos Obxectivos de
Desenvolvemento Sustentábel da axenda 2030. Ademais, a iniciativa
conta, como en anos anteriores, coa posibilidade de participar nos
premios Hack4Good Big Day, que se celebrarán o vindeiro ano na sede
de Telefónica.