A Cátedra UDC-Everis loce na FIC o seu programa formativo

xoves, 12 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

A Facultade de Informática acollerá mañá ás 11:30 horas o acto de presentación do programa formativo da Cátedra UDC-Everis de Transformación Dixital no que participará o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, o director da división galega de Everis, Jesús Lage, e a directora da Cátedra, a profesora Adriana Dapena. A presentación desenvolverase no salón de graos da Facultade e, a continuación, impartirase a conferencia Intelixencia artificial para a Transformación Dixital das Empresas a cargo de David Pereira, socio responsábel de Intelixencia Artificial de Everis en Europa.
Esta cátedra, como lembraremos, ten como obxectivo regular unha colaboración estábel entre a Universidade da Coruña e Everis, coa finalidade de “fomentar o intercambio de experiencias nos eidos da docencia, a investigación e a cultura en xeral, procurando unha aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade”.
A iniciativa conxunta entre a UDC e a compañía TIC foi dada a coñecer en xaneiro, nos seus detalles xenéricos, co gallo da formalización do acordo entre ambas entidades. Na sinatura da alianza participaran tamén o reitor da UDC (Julio Abalde) e o socio responsábel de Everis en Galicia (Jesús Lage), que fixeron un percorrido polas accións concretas da Cátedra, como a creación do Premio ao mellor Traballo de Fin de Grao Aplicado, a realización de obradoiros e conferencias e o desenvolvemento de prácticas de alumnado da Facultade de Informática na empresa Everis.
O reitor asegurou daquela que o convenio “viña a establecer unha liña máis de transferencia de coñecemento da universidade á empresa do que se espera se beneficie o tecido industrial galego”.
Para Jesús Lage, “esta alianza reafirma o compromiso de ambas as dúas entidades co desenvolvemento científico e tecnolóxico de Galicia, favorecendo unha aplicación práctica do coñecemento e impulsando a economía galega baseada nun modelo de crecemento dixital”.
O convenio, engadiron Lage e Abalde, consolida a colaboración existente entre a Universidade da Coruña e Everis que comezou no ano 2010 e que culmina coa creación da devandita Cátedra de Transformación Dixital, que ten unha duración de tres anos prorrogábeis.
Abalde e Lage avanzaron que outro dos eidos de traballo a explorar está relacionado co novo Grao Ciencia e Enxeñaría de Datos que se implantará na Facultade de Informática no curso 2019/2020.

PUBLICIDADE