A Cátedra de Ciberseguridade USC-INCIBE liderará a creación dun ecosistema protexido para a vida dixital

luns, 24 de xuño do 2024 S. P.

Presentación da Cátedra na USC (imaxes de Santi Alvite)

A Universidade de Santiago e o instituto INCIBE presentaron os detalles da nova nova Cátedra Economía da Ciberseguridade, unha iniciativa conxunta da USC e do Instituto Nacional de Ciberseguridad que ten como obxectivo principal exercer como forza tractora para a creación dun ecosistema protexido tecnoloxicamente, sostíbel e adaptábel.
A Cátedra, que ten o seu xermolo no proxecto estratéxico Ciber-Eco, foi presentada este venres 21 en Compostela nun acto participaron a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, acompañada polo director do INCIBE, Félix Barrio.
As dúas iniciativas (Ciber-Eco e a Cátedra) contan co respaldo e financiamento do INCIBE a través dos fondos Next Generation da Unión Europea e ambas as iniciativas supoñen en conxunto unha dotación de 1,4 millóns de euros.
Por parte da USC, a aposta pola investigación e transferencia de coñecemento na denominada “economía da ciberseguridade” responde “ás necesidades dunha sociedade en aceleración constante pola dixitalización”, sinalouse na presentación, na que se lembrou que “cidadanía, organismos, institucións e tecido empresarial precisan unha contorna cibersegura onde poder desenvolver a súa faceta dixital sen temor e con garantías, dunha forma consciente e responsábel, moito máis aló da dimensión tecnolóxica”. Así, as dúas institucións traballarán no concepto da economía da ciberseguridade para “introducir un novo paradigma no que as persoas expertas e usuarias, consumidoras e traballadoras, asuman e adquiran a responsabilidade dixital de forma compartida”. As entidades responsábeis da Cátedra queren “facilitar unha resposta coordinada aos impactos sociais, económicos e xurídicos da ciberseguridade engadindo a perspectiva pedagóxica, para o que consideran imprescindíbel un enfoque multidisciplinar e holístico por parte das Ciencias Sociais”.
A profesora de Organización de Empresas da USC e investigadora do Centro Interuniversitario ECOBAS María Bastida será codirectora da nova Cátedra USD-INCIBE xunto ao profesor Miguel Ángel Vázquez Taín, membros os dous do grupo de investigación POSMARK da USC.
Observatorio en liña
No transcurso da presentación, a profesora Bastida explicou as principais liñas de traballo contempladas no plan da nova Cátedra USC-INCIBE. Deste xeito, coa finalidade de trazar a percepción pública sobre os asuntos relacionados coa ciberseguridade, Bastida anunciou a posta en marcha do Observatorio de Ciberdelincuencia e Seguridade, proxecto que verá a luz coa colaboración de persoal especializado do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS). O Observatorio concibirase partindo dunha unidade de captación e análise de datos a través da tecnoloxía propia Social Minder, ferramenta que se empregará e adaptará para a monitoraxe e o estudo de contidos relacionados coa ciberseguridade obtidos en redes sociais e outros medios dixitais. Empregarán ademais modelos baseados en Intelixencia Artificial (IA) e técnicas de Procesamento de Linguaxe Natural (PLN) para a análise de datos e a aplicación de tecnoloxías preditivas, o que permitirá avaliar a credibilidade dos contidos, o seu impacto real e outros aspectos de relevancia, como a polaridade da información que circula nas redes.
Tecido empresarial
Outro dos eixos fundamentais de traballo da Cátedra será a contribución ao estudo da ciberseguridade dende unha perspectiva económica empresarial, con especial énfase no impacto económico en termos de: avaliación do custo dos ciberataques (roubo de datos, interrupción de servizos, ou danos reputacionais, entre outros), rendemento dos investimentos en ciberseguridade (prevención de perdas, incremento da competitividade), xestión de riscos cibernéticos (impacto na planificación estratéxica e na toma de decisións) ou influenza na capacidade das empresas para innovar. A Cátedra encargarase tamén da realización de informes para as distintas administracións públicas coa fin de fundamentar e propoñer melloras ou cambios nas políticas públicas relacionadas coa ciberseguridade. Así mesmo, actuará como punto de encontro entre diferentes proxectos de ámbito estatal e autonómico e foro de discusión de debate entre o eido académico, profesionais da materia e o sector empresarial.
Formación especializada
Como instrumento para a formación permanente e a concienciación xeral da sociedade no seu conxunto, María Bastida explicou a variedade de recursos previstos para desenvolver o nomeado labor de “democratización da ciberseguridade”. Así, prevén levar a cabo seminarios especializados sobre ciberseguros e responsabilidade civil para formar os responsábeis das implicacións legais en casos de violación de datos; formación para persoal empregado das administracións públicas e outros colectivos sobre a construción e protección da identidade dixital; un curso especializado en negociación e xestión de conflitos de ciberameazas e ciberdelictos na contorna laboral, dirixido a representantes sindicais e patronais; ou a realización dun congreso internacional para abordar a ciberseguridade dende a perspectiva económica e xurídica.
Ciber-Eco
Pola súa banda, a catedrática de Fundamentos da Análise Económica da USC e directora científica do Centro Interuniversitario ECOBAS, María Loureiro, explicou os avances na investigación que lidera no marco do proxecto Ciber-Eco, “un enfoque disruptivo no estudo da ciberseguridade e a súa relación coas ameazas ambientais globais nun contexto de cambio climático”. Engadiu que o equipo está a indagar como se relacionan as distintas ciberameazas e fendas de ciberseguridade con situacións de crise política, eventos ambientais extremos e outras vulnerabilidades; que características comparten as vítimas dos ciberataques; como impactará a maior recorrencia de eventos extremos á ciberseguridade en España; e que sectores económicos, lugares e recursos poden ser máis susceptíbeis a ataques de ciberseguridade nos distintos escenarios climáticos futuríbeis. Segundo anunciou Loureiro, “unha vez analizados todos estes escenarios, o proxecto tratará de definir se é posíbel predicir os impactos potenciais coa axuda de modelos baseados en IA”.
Xa nunha segunda fase, o proxecto porá o foco nos impactos económicos en sectores económicos específicos, a nivel microeconómico, centrándose na vulnerabilidade do pequeno tecido empresarial en España, en concreto en pemes e autónomos.

PUBLICIDADE