A Cidade da Cultura celebra a súa contribución ao emprendemento e ás tecnoloxías no seu décimo aniversario

mércores, 13 de xaneiro do 2021 S. P.

A Cidade da Cultura de Galicia celebrou este mércores 13 de xaneiro a súa primeira década de vida, e fíxoo cun acto institucional no que se fixo balance do acadado até o de agora e, tamén, un repaso das cousas que nos depara o complexo do monte Gaiás no futuro, moitas delas tecnolóxicas e moitas delas directamente encamiñadas a reivindicar a colaboración, a unidade e a cultura como antídotos de adversidades coma a que estamos a vivir. Segundo se fixo saber, o complexo cultural xa acolleu nestes dez anos preto de 5.000 actividades culturais e eventos e recibiu case 6 millóns de visitas. Amais, deu acubillo a case medio milleiro de proxectos de emprendemento.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez González, asegurou que remata unha “fase de consolidación desta potente infraestrutura como ferramenta para o desenvolvemento social, cultural e económico da Comunidade e que arrinca unha nova etapa baseada na expansión para chegar máis lonxe”. Tamén destacou o importante papel xogado polo complexo do Gaiás como “espazo de referencia no eido da cultura, a tecnoloxía e o emprendemento”, con máis de 600 persoas traballando a diario nas súas instalacións, unha media anual de case 200 actividades culturais e 400 eventos organizados por empresas, institucións e colectivos sociais nas súas instalacións, e que pechou 2019 recibindo a máis dun millón de persoas, entre visitantes, turistas, usuarios dos servizos públicos e traballadores.
No acto tamén participou o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, quen lle agoiro á Cidade da Cultura un futuro prometedor: “Dentro de 40 anos, cando se cumpra medio século do seu funcionamento, será unha infraestrutura, un equipamento asumido por todos os galegos como un emblema e un elemento significativo e representativo do conxunto de Galicia, e estará integrada dentro da malla urbana da cidade”.
Para o rexedor compostelán, “o Gaiás se está consolidar como un referente absolutamente positivo, un investimento e non un gasto”. Sinalou que hai moi pouco marxe de tempo para facer, neste momento, unha valoración da Cidade da Cultura, xa que sinalaba, citando ao arquitecto, Julio Cano Laso, “que as grandes obras hai que valoralas cunha perspectiva de 50 anos”.
Volvendo ao conselleiro, tamén fixo referencia do importante papel xogado polo Museo Centro Gaiás, que con 21 grandes exposicións, que “se ten convertido nun centro de referencia no norte de España, recibindo máis de 600.000 visitas ao longo da década, ademais de consolidarse como unha potente ferramenta didáctica que achega os seus contidos a unha media de 15.000 estudantes de diferentes centros da comunidade autónoma con programas innovadores e pioneiros”.
En relación coa Biblioteca e co Arquivo de Galicia, as primeiras institucións en comezar a funcionar en 2011, o titular de Cultura destacou que “hoxe ocupan un lugar central como gardiáns da memoria documental e bibliográfica” de Galicia e como “coordinadores das redes públicas de bibliotecas e arquivos de toda a Comunidade”.
Xunto á cultura e á tecnoloxía, o conselleiro lembrou o traballo a prol do emprendemento cultural, cun total de 450 proxectos innovadores no eido das industrias creativas apoiado desde a apertura do Centro de Emprendemento do Gaiás, proxectos que, en moitos dos casos, son hoxe empresas consolidadas xeradoras de postos de traballo.
Na nova etapa, o conselleiro adiantou que o Gaiás afondará na súa dimensión de “factoría de proxectos culturais”, pero “sempre co obxectivo de que estes contidos percorran outros espazos culturais de Galicia, nun circuíto de itinerancias que pretender converter esta infraestrutura nun fornecedor de contidos para toda a Comunidade”.

PUBLICIDADE