A Cidade da Cultura convídanos o 1 de decembro a mergullarnos na innovación educativa que se fai aquí

xoves, 9 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

O 1 de decembro temos cita no Gaiás (Santiago) con todas aquelas cousas que fan que o ensino de hoxe sexa máis inclusivo, universal, tecnolóxico e moderno có que as xeracións previas tivemos ocasión de coñecer. Estamos a falar da xornada InquEDU: Falemos de Educación, que organizan a Consellería de Cultura e Educación e a Fundación Galicia Sustentable. A cita, en palabras das entidades impulsoras, é unha “ocasión para compartir iniciativas, divulgar ideas e fomentar o debate a reflexión sobre propostas educativas innovadoras”. Diríxese a todos os integrantes da comunidade escolar: mestres, familias e estudantes. Por temáticas, porase sobre a mesa unha manchea de proxectos que salientan por facer das aulas mellores espazos para vivir e convivir (máis respectuosos co diverso e con menos atrancos para tirar proveito da música, as ciencias ou a tecnoloxía). Nun plano máis concreto, presentarase o libro musical Sira e Robot.
O libro-CD, que será presentado polo mestre de idiomas e música Mark Wiersma, co-autor da obra, sitúa ao lector na Galicia do ano 2050, nun intre en que o inglés vén de ser declarado lingua oficial xunto co galego. Segundo avanza a organización da xornada, Sira e Robot ten un amplo potencial como instrumento lúdico e didáctico en relación coa nosa lingua e co inglés, de interese non só para os escolares senón tamén para as familias.
O evento InquEDU celebrarase no Edificio CINC do Gaiás e artellarase en dúas xeiras de divulgación. A quenda da mañá é de carácter pechado para as rapazas e rapaces dos centros educativos gañadores do concurso escolar para impulsar as competencias orais activas ComunicaTedu; mentres que a da tarde é aberta, con asistencia de balde para todos os públicos, previa inscrición na páxina web inquedu.galiciasustentable.org.
Pola mañá presentarase o devandito libro-CD de Mark Wiersma e, ademais, a rapazada terá ocasión de achegarse ás propostas músico-lúdicas de Roi Casal, ao abeiro das charlas denominadas Edumotiva.
O programa en aberto da tarde comeza coa presentación do evento por parte de Paco Castillo, docente e investigador, que ademais tirará proveito desta xornada para afondar na paisaxe coma obxecto de ensino e aprendizaxe. Seguiralle a charla de Cristina Palacios que leva por título Escola sen armarios, e que é un achegamento ás metodoloxías que garanten a transformación das escolas en lugares seguros para a diversidade sexual.
A continuación Lola Ferreiro Díaz, doutora en medicina e especialista en educación, saúde e perspectiva feminina, abordará a coeducación global na familia e na escola.
Na xeira de tarde tamén se vai presentar o Proxecto Educativo Semente Compostela, da man do educador, escritor e activista Sechu Sende, que mostrará os obxectivos e os resultados obtidos ao abeiro das dúas escolas compostelás do proxecto (Salvadas e Torreira), impulsado hai cinco anos por unha comunidade de familias e persoas colaboradoras co obxecto de “reforzar a galeguización das xeracións máis novas” e apostar, de xeito complementario, por unha educación libre, inclusiva e diversa.
Logo do faladoiro A ilusión dun cambio, da man de Laura Adela Fernández Blanco, profesora do CPI de Atios (Valdoviño), e da intervención de Juan Sanmartín para contar en que consiste Flipped Classroom (plataforma tecnolóxica-educativa integrada por mestres de todo o ámbito estatal, xuntando forzas para impulsar o modelo pedagóxico das clases inversas, ou sexa, un modelo onde as sesións formativas nas aulas se centren nas actividades que requiren máis participación e interacción, deixando para os fogares o resto das tarefas), a xornada clausurase cun obradoiro de divulgación a cargo de Vicente Mohedano que forma parte do proxecto Peripeciencia, unha iniciativa para espertar o interese pola ciencia e as tecnoloxías dende formatos de comunicación innovadores que se abeiran ás artes escénicas e tiran proveito delas: obradoiros, discurshows, ludiconferencias ou cafés.

PUBLICIDADE