A Cidade da Cultura terá un espazo de demostración e experimentación en tecnoloxías disruptivas

mércores, 9 de outubro do 2019 Redacción

O Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura acollerá no segundo semestre do 2020 o Centro GaiásTech, un espazo de demostración e experimentación en tecnoloxías disruptivas, que ofrecerá ao ecosistema dixital galego unha ampla carteira de servizos para facilitar o seu posicionamento nas tendencias tecnolóxicas da vindeira década.
O GaiásTech exercerá, ademais, o papel de coordinador da Rede de Nodos de especialización tecnolóxica de Galicia, a través dos que se desenvolverán modelos de colaboración público-privados para impulsar as tecnoloxías dixitais de máis impacto: 5G, Intelixencia Artificial, Big Data ou Ciberseguridade.
O centro, cuxa licitación se publica hoxe, é froito dun convenio entre a AMTEGA e a Consellería de Cultura e Turismo, que suman un investimento de preto de 2 millóns de euros para a remodelación de ao redor de 1.500 metros cadrados do Centro de Emprendemento, a dotación de equipamento e a súa xestión.
Desde o GaiásTech elaborarase e divulgarase o mapa de capacidades dixitais de Galicia e desenvolverase un servizo de vixilancia tecnolóxica, que permitirá identificar as tendencias dixitais nos mercados, así como as posibles oportunidades de posicionamento para o sector TIC.
Tamén ofrecerá soporte e asesoramento especializado aos diferentes sectores para que integren as novas tecnoloxías dixitais. Para facilitar o aliñamento da demanda e a oferta TIC o GaiásTech porá a disposición do sector espazos para a demostración e a experimentación de solucións tecnolóxicas.
Será, ademais, un escaparate do talento dixital galego, servindo como canle de divulgación de proxectos innovadores e de boas prácticas de dixitalización. Acollerá talleres, formación e foros de debate e reflexión multidisciplinares sobre o impacto da revolución dixital na sociedade e a economía.
O GaiásTech configúrase, tamén, como un centro de experimentación e creatividade dixital para facilitar o achegamento do coñecemento tecnolóxico a idades temperas, en liña coas actuacións do Plan DigiTalent da Xunta para promover as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos.

Equipamento avanzado

O futuro centro GaiasTech contará co seu xemelgo dixital na Rede, unha plataforma tecnolóxica que integrará a axenda tecnolóxica de Galicia; facilitará o traballo colaborativo dos axentes dixitais dende calquera lugar; permitirá o acceso aos recursos dixitais en rede; así como a retransmisión e participación en streaming en calquera actividade ou foro.
Os espazos de demostración e experimentación dixital disporán de equipamento avanzado, que permitirá a aplicación de técnicas de realidade aumentada e virtual para conseguir experiencias inmersivas.
Por outra banda, a segunda fase do Centro de Proceso de Datos Integral dotará de capacidade de almacenamento e procesamento ao GaiásTech para dar resposta ás necesidades de instalación de plataformas e solucións tecnolóxicas avanzadas.

PUBLICIDADE