A Cidade das TIC converteuse en capital do emprendemento internacional e da innovación
luns, 27 de abril do 2026
A Coruña acolleu a semana pasada a celebración do XII Encuentro Internacional de Jóvenes Emprendedores (EIJE), unha cita consolidada no ámbito universitario que reuniu na cidade a estudantes e titulados recentes de distintos centros de España e Portugal co obxectivo de impulsar o emprendemento, a innovación e o intercambio de ideas. O acto inaugural celebrouse na Cidade das TIC, centro de coñecemento tecnolóxico envorcado en impulsar novas iniciativas de mercado.
En palabras do Concello, o EIJE configurouse como un foro de referencia para o emprendemento xuvenil, combinando formación práctica, presentación de proxectos e dinámicas de traballo colaborativo, ademais de facilitar o contacto directo entre participantes e profesionais do ámbito empresarial. A edición deste ano estivo centrada nos retos da transformación dixital, a intelixencia artificial e os novos modelos produtivos.
Durante a súa intervención, a alcaldesa puxo en valor o papel da Coruña como “cidade aberta, dinámica e en crecemento”, destacando a súa capacidade para atraer talento e xerar oportunidades nun contexto marcado pola innovación: "A Coruña non pode permitirse perder o talento novo e a nosa responsabilidade é xerar as condicións para que quen queira emprender, innovar e crear o seu proxecto de vida poida facelo aquí", sinalou Rey.
Neste sentido, a alcaldesa subliñou a importancia de iniciativas como a Cidade das TIC, que “permiten fortalecer o posicionamento da cidade como polo tecnolóxico”, así como “o impacto da implantación na Coruña da Axencia Española de Supervisión de la Intelixencia Artificial, que sitúa a cidade no centro do debate sobre o uso responsable da tecnoloxía”.
Rey incidiu tamén no papel das administracións públicas, defendendo que "impulsar o emprendemento tamén significa garantir oportunidades reais e condicións xustas, para que o talento non teña que marchar por falta de alternativas".
O acto de apertura (o xoves 23 de abril) incorporou un formato innovador cun diálogo entre as autoridades e un avatar de intelixencia artificial, en liña co enfoque tecnolóxico do encontro e cos retos actuais do emprendemento.
O XII Encuentro Internacional de Jóvenes Emprendedores (EIJE) xuntou na Coruña a preto de 300 participantes e consolidou a cidade como “un escenario idóneo para o impulso do talento novo, a cooperación internacional e a xeración de novas iniciativas emprendedoras”, engadiu a rexedora.
