A Cidade das TIC da Coruña acollerá un centro de servizos avanzados

xoves, 25 de xuño do 2020 S. P.

O Goberno galego deu este xoves un novo empuxe á Cidade das TIC da Coruña, que acubillará un centro de fabricación avanzada, xunto coa Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra – As Neves, o Parque da Sionlla (Santiago) e os concellos de Narón en Vilagarcía. En total, os cinco centros de Industria 4.0 cuxos detalles avanzou a Xunta este 25 de xuño contarán cun orzamento de 15,6 millóns de euros. O seu cometido, xuntos e por separado, será permitir ás pequenas e medianas empresas modernizar a súa produción.
Os cinco centros foron dados a coñecer polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, que subliñou que o Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC, na Coruña, “ofrecerá ás empresas galegas un único punto de contacto no que demostrar, facer prototipos e lanzar proxectos do sector”. A finalidade, dixo, é servir de enlace entre clientes e provedores de solucións das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Este centro contará con 4 laboratorios para a realización de probas e con espazos para aloxar empresas do sector. Feijóo salientou que o Concello e a Universidade da Coruña colaborarán cedendo o uso dunha nave e habilitando os accesos e a Xunta achegará 4,82 millóns de euros para o proxecto.
A segunda iniciativa estará promovida pola Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA) e porase en marcha no municipio de Salvaterra de Miño, na Plisan. “Trátase de crear un centro de innovación loxística, aberto para realizar labores de formación, de demostración e experimentación sobre operacións reais”, explicou. A Zona Franca de Vigo achegará o terreo e a construción da nave, mentres que o Goberno galego investirá máis de 4,3 millóns de euros no equipamento.
No tocante ao terceiro centro: Sionlla Biotech, Feijóo avanzou que estará situado no parque empresarial do mesmo nome, en Santiago. Proverá a empresas biotecnolóxicas e institucións de servizos como o uso de 22 laboratorios modulares para actividades de I+D+i, equipamento compartido e instalacións de uso común. A achega da Xunta para a creación desta infraestrutura superará os 4 millóns de euros, mentres que o Concello de Santiago de Compostela cederá o terreo para a construción.
Por outra banda, o Grupo Intaf será o promotor do centro galego de tratamentos térmicos do aceiro, que se porá en marcha no municipio de Narón. A Xunta achega dous millóns de euros para a creación deste espazo industrial.
Por último, e promovido polo Clúster TIC Galicia, o Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC porase en marcha en Vilagarcía de Arousa. Crearase “un espazo de innovación e tecnoloxía que incluirá, entre outros, un laboratorio de Intelixencia Artificial, unha área de demostracións e unha área de formación”.
Feijóo salientou que tres das infraestruturas que se van crear -o Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC, o Centro Loxístico de Automoción e o Sionlla Biotech- integraranse nos dous Hubs de Innovación Dixital.

PUBLICIDADE