A Ciencia en Imaxe premia a foto dunha camelia mergullada na auga, da investigadora da USC Pilar Vázquez

xoves, 14 de novembro do 2024 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e as facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) convocaron o XI Concurso A Ciencia en Imaxe, certame que distingue fotografías divulgativas de calquera contido relacionado coas Ciencias. Diríxese á comunidade universitaria da Universidade de Santiago. Os premios desta edición entregáronse este xoves 14 de novembro na Aula Magna da facultade de Química durante o acto de celebración da festividade de San Alberte Magno, patrón das facultades de Ciencias.
A gañadora do primeiro premio, dotado con 200 euros, foi María del Pilar Vázquez Tato, investigadora e docente da facultade de Ciencias do Campus de Lugo, pola instantánea Tensión e impacto. María del Pilar explicou que “a tensión superficial é unha propiedade físico-química na que, debido ás forzas de atracción entre as moléculas dun líquido, a superficie compórtase como se estivese recuberta dunha fina membrana elástica que resiste forzas externas. É unha propiedade moi importante, xa que esclarece moitos dos comportamentos dos líquidos e xustifica, por exemplo, que algúns insectos poidan pousarse na auga sen se afundiren, como é o caso da cabra cega. Cando un obxecto ou materia -nesta fotografía unha flor de camelia- choca coa superficie da auga, a forza de impacto é capaz de romper esa película, o cal permite que o obxecto se mergulle”.
O segundo galardón, dotado con 100 euros, recaeu en Sabela Álvarez Matilla, estudante do grao en Bioquímica da facultade de Ciencias do Campus de Lugo, pola imaxe titulada O Miño é de todos. Amosa unha tea de araña sobre o río Miño.
O xurado, composto por un membro de cada unha das cinco facultades organizadoras, xunto a un membro da Real Academia Galega de Ciencias, valorou a orixinalidade das propostas presentadas ao certame. Tamén se tivo en conta a estética, a capacidade comunicativa, a calidade e a adecuación á temática do concurso.