A Comisión Europea certifica a galega Docuten como solución perfecta para a facturación internacional

martes, 4 de agosto do 2020 S. P.

Equipo de Docuten na Coruña

A empresa Docuten vén de recibir un novo e importante recoñecemento ao seu labor tecnolóxico para mellorar, axilizar e facer máis segura a xestión documental das empresas. En termos máis concretos, a súa solución do mesmo nome (a solución Docuten) para a facturación internacional recibiu o apoio da Comisión Europea a través de EURINV (proxecto de facturación electrónica co-financiado pola CE ao abeiro do Programa de Telecomunicacións CEF, administrado pola Axencia Executiva de Innovación e Redes). Segundo informou a firma galega, EURINV tiña como obxectivo potenciar a facturación supranacional mediante a adopción do estándar europeo.
A participación de Docuten neste proxecto (onde foi a única empresa do ámbito estatal) saldouse cun importante éxito e coa consolidación da ferramenta do mesmo nome como “unha solución perfecta” para a actividade empresarial.
“Grazas a este proxecto europeo”, engaden fontes da firma coruñesa, “os fornecedores de EDI do consorcio, entre os que se atopa Docuten como único participante español, e os seus respectivos clientes, poden enviar e recibir facturas electrónicas transfronteirizas de conformidade co estándar europeo sobre facturación electrónica”.
Na fase final do proxecto, a empresa galega completou e aprobou as probas de conformidade e as de interoperabilidade, corroborando así que a plataforma “é unha solución totalmente operativa”, explicaron os responsábeis de Docuten, engadindo que “este desenvolvemento encaixa coa nosa estratexia de internacionalización de Docuten, xa nos permite dar un servizo de facturación europeo aos nosos clientes actuais, así como ampliar a nosa carteira con clientes internacionais”.
Como afirma Ángel Aparicio, CPO de Docuten, “ademais de agregar un valor substancial para os futuros usuarios de Docuten, este proxecto fortalece o potencial dos nosos clientes actuais ao permitir o seu acceso a un mercado europeo común”.

PUBLICIDADE