A Comisión Europea cre que a fusión de Orange e MásMóvil provocará unha suba de prezos

martes, 27 de xuño do 2023 Marcus Fernández

No mes de marzo fíxose público o acordo de fusión entre Orange e MásMóvil, operación que pretende dar lugar ao operador de telecomunicacións de maior tamaño de España, e que está pendente da aprobación das autoridades pertinentes, e dende a Comisión Europa xa están a manifestar a súa preocupación pola fusión que podería reducir a competencia na prestación de servizos de telecomunicacións móbiles e Internet fixo.
A Comisión abriu unha investigación exhaustiva no mes de abril, para analizar o posible impacto nos servizos de móbil, Internet fixo e servizos empaquetados, da que conclúen que se reducirá o número de operadores eliminado unha importante presión competitiva, o que podería desembocar en grandes subas de prezo para os clientes minoristas.
Prevese que a fusión teña un efecto anticompetitivo importante, polo que agora comunican a Orange e MásMóvil un prego de cargos para que poidan responder antes de que a Comisión Europea adopte unha decisión definitiva (que deberá chegar como moi tarde o 4 de setembro).

PUBLICIDADE