Sanción de 110 millóns de euros a Facebook por mentir durante a compra de WhatsApp

xoves, 18 de maio do 2017 Marcus Fernández

A finais do pasado ano a comisaria europea Margrethe Vestager anunciou que consideraban que Facebook mentira á Comisión na investigación de 2014 sobre a compra de WhatsApp, por asegurar que cruzar contas de usuario entre ambas plataformas sería imposible, o que resultou claro que non era así cando o pasado verán WhatsApp mudou as súas condicións de uso precisamente para permitir o cruzamento de datos de usuario con Facebook con finalidades publicitarias. Analizada a situación e escoitadas as explicacións de Facebook a Comisión Europea decidiu imporlle unha sanción de 110 millóns de euros por achegar información incorrecta ou confusa durante a citada investigación.
Vestager declarou que «a decisión de hoxe manda unha clara mensaxe ás empresas de que deben cumprir con tódolos aspectos das normativas de fusión da Unión Europea, incluíndo a obriga de achegar información correcta. (..) A Comisión debe ser quen de poder tomar decisións sobre os efectos das fusión na competencia cun coñecemento pleno dos feitos».
Cando Facebook solicitou a autorización en 2014 para mercar WhatsApp asegurou que era tecnicamente imposible que as contas de usuario de Facebook e WhatsApp puideran cruzar datos ou fusionarse, o que tivo un claro impacto no prace da Comisión, que á vista da situación actual no mercado da mensaxería instantánea posiblemente non se tería producido (xa que actualmente Facebook está a ostentar unha posición moi próxima ao monopolio en Occidente).

PUBLICIDADE