A Comisión Europea insta aos xigantes da Internet a pór medidas contra os contidos ilícitos en liña

xoves, 28 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A Comisión Europea presentou as súas directrices e principios aplicables ás plataformas en liña para potenciar a prevención, detección e eliminación proactivas de contidos ilícitos na Rede que inciten ao odio, a violencia e o terrorismo, xa que supoñen unha grave ameaza para a seguridade e a protección dos cidadáns europeos e socavan a confianza dos cidadáns no contorno dixital.
O vicepresidente responsable do mercado único dixital, Andrus Ansip, declarou que «as nosas orientacións inclúen medidas de salvagarda para evitar a eliminación abusiva e garantir a transparencia e a protección de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión», e mentres que a comisaria de Xustiza, Consumidores e Igualdade de Xénero, Vera Jourová, salientaba que Facebook, Twitter, Google e Microsoft acordaron o código de conduta, se a autorregulación non é dabondo a Comisión actuará. De feito, a comisaria de Economía e Sociedade Dixitais, Mariya Gabriel, criticou a pouca efectividade das actuacións destas compañías na actualidade, xa que «en máis do 28% dos casos as plataformas en liña tardan máis dunha semana en suprimir os contidos ilícitos».
A proposta da Comisión inclúe instrumentos para, de xeito proactivo e dilixente, detectar, eliminar e previr a reaparición dos contidos ilícitos en liña, de xeito que deberán cooperar coas autoridades nacionais competentes, facilitar aos usuarios mecanismos que permitan alertar da existencia dos contidos ilícitos e investir en tecnoloxías de detección automática; a eliminación dos contidos deberá realizarse o antes posible (no futuro analizarase o establecemento de prazos fixos) aínda que tamén haberá que introducir garantías que eviten a eliminación abusiva; e as plataformas deberán adoptar medidas para disuadir aos usuarios de publicar de xeito reiterado os contidos ilícitos (para o que instan á adopción de ferramentas automáticas que impidan a reaparición de contidos eliminados anteriormente).
A Comisión vixiará a aplicación destes principios para avaliar se hai que crear medidas adicionais e a necesidade de establecer medidas lexislativas que complementen o actual marco regulador.

PUBLICIDADE