A Comisión Europea investiga a Apple por realizar discriminacións xeográficas dentro da UE
martes, 12 de novembro do 2024
Mentres estamos pendentes dunha posible sanción de grandes proporcións da Comisión Europea a Apple por mor das súas prácticas anticompetitivas na Unión Europea, dan conta de que dende a Rede de Cooperación para a Protección do Consumidor (CPC) de autoridades nacionais de consumo e a Comisión Europea desenvolveron unha investigación sobre a que veñen de notificar a Apple. Nesta ocasión acusan á compañía de Cupertino de ignorar que Europea é un mercado único, polo que as súas prácticas de bloqueo xeográfico dentro da Unión Europea serían ilegais, detectándose estas prácticas prohibidas en servizos como a App Store, Apple Arcade, Apple Music, iTunes, Apple Books e Apple Podcasts.
Esta actuación contra Apple está liderada polas autoridades nacionais competentes de Bélxica (Dirección Xeral de Inspección Económica), Alemaña (Bundesnetzagentur) e Irlanda (Comisión de Competencia e Protección do Consumidor), baixo a coordinación da Comisión Europea.
A Rede CPC atopou unha serie de limitacións nos servizos mencionados de Apple que, segundo a súa avaliación, discriminan ilegalmente os consumidores europeos en función do seu lugar de residencia. Os consumidores enfróntanse a limitacións nos seguintes aspectos:
– Acceso en liña: Os servizos mencionados de Apple teñen unha interface diferente para distintos países da UE/EEE. Na versión de aplicación destes servizos, os consumidores só poden acceder á interface deseñada para o país onde teñen rexistrada a súa conta de Apple e atopan serias dificultades cando intentan cambiala, o cal non está permitido polas normas de contra o bloqueo xeográfico da UE.
– Métodos de pago: Ao realizar compras de pago nos servizos de medios de Apple, os consumidores só poden utilizar medios de pago (como tarxeta de crédito/débito) emitidos no país onde teñen rexistrada a súa conta de Apple.
– Descarga: Como a App Store non permite aos consumidores acceder á versión doutro país da UE/EEE, os consumidores non poden descargar as aplicacións dispoñibles noutros países. Os consumidores deberían poder descargar aplicacións dispoñibles noutros países da UE/EEE cando viaxan ou permanecen temporalmente nese país.
As obrigas legais que a Rede CPC invoca fronte a Apple pódense atopar no Regulamento de Xeobloqueo e na Directiva de Servizos. O Regulamento de Xeobloqueo prohibe a discriminación inxustificada entre consumidores da UE en función da súa nacionalidade, residencia ou lugar de establecemento cando queren comprar bens e servizos de comerciantes localizados noutro Estado membro. A Directiva de Servizos require que as condicións xerais de acceso a un servizo non conteñan disposicións discriminatorias en relación coa nacionalidade ou o lugar de residencia do destinatario do servizo, a menos que estean xustificadas directamente por criterios obxectivos.