A Comisión Europea investiga as meirandes páxinas web pornográficas

martes, 27 de maio do 2025 Redacción

A Comisión Europea vén de abrir procedementos formais contra catro das plataformas de contido para adultos máis coñecidas (Pornhub, Stripchat, XNXX e XVideos) por posibles incumprimentos do Regulamento de Servizos Dixitais (DSA), no referente á protección de menores.
As investigacións céntranse nos riscos derivados da ausencia de mecanismos efectivos de verificación da idade e na posible falta de medidas adecuadas para garantir a privacidade, seguridade e benestar físico e mental dos menores. En concreto, a Comisión sinala a falta de ferramentas de verificación da idade apropiadas e proporcionadas, de avaliación e mitigación dos riscos que afectan os dereitos dos menores, e de medidas eficaces para previr o acceso de menores a contido adulto. Estes aspectos son prioritarios no cumprimento do DSA, que esixe que as plataformas poñan os intereses dos menores no centro do deseño dos seus servizos.
A Comisión tamén anunciou que Stripchat deixará de ser considerada unha Plataforma en Liña Moi Grande (VLOP), tras comprobar que a súa base de usuarios activos mensuais na UE foi inferior ao límite legal durante máis dun ano. A súa supervisión pasará a mans da Autoridade de Radio e Televisión de Chipre, o Coordinador de Servizos Dixitais (DSC) do Estado membro no que está rexistrada a empresa. Porén, Stripchat deberá seguir cumprindo coas obrigas xerais do DSA, incluída a protección dos menores.
A Comisión realizará agora unha investigación en profundidade, incluíndo a posibilidade de entrevistas, inspeccións ou novas peticións de información. Tamén poderá adoptar medidas provisionais ou decisións de incumprimento, así como aceptar compromisos voluntarios das plataformas investigadas.