A Comisión Europea podería estar próxima a sancionar a X por incumprir a DSA

venres, 5 de xullo do 2024 Marcus Fernández

Nos últimos días a Comisión Europea advertiu a compañías como Meta e Apple das súas conclusións iniciais sobre as súas vulneracións da Lei de Mercados Dixitais, o que podería supor importantes sancións, e agora Bloomberg adiante que a vindeira compañía en recibir unha advertencia semellante sería X, por considerar a Comisión que non está a adoptar as medidas de control de contidos que esixe a Lei de Servizo Dixitais, o que podería traducirse nunha sanción de até o 6% dos seus ingresos anuais.
Este apercibimento daría tempo a X a tomar medidas para evitar as sancións, e segundo se comenta, a compañía de Elon Musk tería até finais de ano para corrixir as eivas detectadas para que as infraccións detectadas pola Comisión Europea non se traduzan nunha elevada sanción.
Dende a Comisión Europea levan meses advertindo a Elon Musk da falta de control sobre os contidos ilegais en X, realizándose numerosos contactos coa compañía antes coñecida como Twitter ante a proliferación de discursos de odio e difusión indiscriminada de desinformación ante conflitos bélicos, comicios electorais e moitos outros temas, recibindo respostas formais que non se axustan á realidade (pois é o propio Elon Musk un dos grandes promotores da difusión de falsidades, teorías da conspiración e contidos tóxicos), polo que parece unha importante sanción parece inevitable (aínda que a contía probablemente sexa bastante reducida en números absolutos, xa que os ingresos de X non paran de caer dende que a compañía é propiedade de Elon Musk).

PUBLICIDADE