A Comisión Europea presenta un prototipo de aplicación de verificación de idade
martes, 15 de xullo do 2025

- Henna Virkkunen foi unha das encargadas en dar conta das directrices específicas para a protección dos menores no ámbito dixital
A Comisión Europea fixo públicas unhas directrices específicas para a protección dos menores no ámbito dixital, xunto cun prototipo dunha aplicación de verificación de idade, no marco do Regulamento de Servizos Dixitais (DSA). O obxectivo destas iniciativas é garantir que nenos e mozos poidan seguir aproveitando as oportunidades que ofrece a Internet, como a aprendizaxe, a creatividade ou a comunicación, minimizando ao mesmo tempo os riscos que entraña a exposición a contidos e condutas prexudiciais.
As directrices para a protección dos menores buscan asegurar altos niveis de privacidade, seguridade e benestar nas plataformas en liña, tras un proceso participativo que incluíu achegas de expertos e da propia mocidade. Entre as medidas propostas, recoméndase limitar prácticas de deseño que estimulan un uso aditivo das plataformas, promover ferramentas que permitan bloquear ou silenciar usuarios, evitar que os menores sexan engadidos a grupos sen consentimento e impedir a descarga ou captura de contido compartido por eles. Tamén se pide que os sistemas de recomendación dean máis peso ás preferencias explícitas dos usuarios novos fronte ao seguimento do seu comportamento de navegación. No que respecta á privacidade, suxírese configurar de xeito predeterminado as contas dos menores como privadas, para evitar o contacto non desexado con persoas alleas ao seu círculo.
Estas recomendacións seguen un enfoque baseado no risco, como establece a propia DSA, recoñecendo que as plataformas poden expor os menores a perigos diferentes segundo a súa natureza, tamaño ou finalidade. Por iso, as medidas propostas deben ser proporcionadas e non restrinxir indebidamente os dereitos dos menores.
Un prototipo de aplicación de verificación de idade

- Caroline Stage Olsen tamén participou na presentación do prototipo de aplicación de verificación de idade
Xunto ás directrices, a Comisión presentou tamén un prototipo de aplicación de verificación de idade, deseñado para garantir un estándar elevado de protección da privacidade. Esta ferramenta permitirá aos usuarios demostrar, por exemplo, que son maiores de idade para acceder a contidos restrinxidos, sen ter que revelar a súa identidade nin a súa idade exacta. A aplicación, que non permitirá rexistrar nin rastrexar o contido consultado, desenvolverase en colaboración cos Estados membros e coas plataformas dixitais. Os primeiros países en participar serán Dinamarca, Grecia, España, Francia e Italia, que traballarán co executivo europeo para adaptar a solución a nivel estatal, ben sexa como aplicacións autónomas ou integradas noutras ferramentas estatais.
Este sistema de verificación baséase nas mesmas especificacións técnicas das futuras Carteiras Europeas de Identidade Dixital (eID), previstas para finais de 2026, o que garante a compatibilidade e unha futura integración desta funcionalidade nun marco europeo máis amplo.
