A Comisión Europea propón a Apple que o iPhone goce dunha maior interoperabilidade

xoves, 19 de decembro do 2024 Marcus Fernández

A Comisión Europea vén de publicar un documento relativo á investigación sobre os incumprimentos da Lei de Mercados Dixitais por parte de Apple, no que inclúen unha serie de propostas para que a compañía da mazá faga efectiva a interoperatibilidade de iOS, agardando a resposta de terceiros e de Apple sobre estas medidas que polo momento só serían preliminares.
A Comisión considera que as notificacións de iOS deberían ser interoperables de xeito efectivo (ou sexa, que debería deixar de restrinxir a accesorios de terceiros, como os reloxos conectados de terceiros, que non poden competir co Apple watch por limitacións artificiais); iOS debería permitir que aplicacións de terceiros poidan correr completamente en segundo plano (algo que actualmente só poden facer as aplicacións de Apple); suxire que as aplicacións de terceiros deberían ser capaces de establecer comunicacións directas a través de Wi-Fi para unha transferencia rápida; tamén insta a que AirDrop e AirPlay teñan menos restricións; o NFC do iPhone tamén debería mellorar as súas posibilidades; entre outras solicitudes dunha maior apertura do software do iPhone.
Apple, pola súa banda, tamén publicou un documento reaccionando ás esixencias da Comisión Europea argumentando principalmente motivos de seguridade, insinuando o grande risco que supón, por exemplo, que as aplicacións de Meta accedan ás mensaxes, chamadas, fotografías ou eventos no calendario no dispositivo, con afirmacións bastante dubidosas, como que «ninguén está en posición de entender os riscos completos» de permitir que Siri lea en voz alta as mensaxes que cheguen a través de WhatsApp.
Dá a impresión de que Apple, mentres asegura ter un compromiso a prol da interoperabilidade, rexeita as peticións de terceiros que poden supor unha ameaza á súa posición de dominio, argumentando que permitir que as aplicacións de terceiros poidan ter os mesmos privilexios que as de Apple suporía unha ameaza para a seguridade e a privacidade dos usuarios, obstaculizando a competencia.