A Comisión Europea ultima unha importante sanción contra Apple polos seus abusos no mercado do streaming musical

mércores, 13 de decembro do 2023 Marcus Fernández

En 2019 Spotify tivo que reaccionar ante os abusos de Apple presentando unha denuncia ante os organismos europeos de competencia, xa que a compañía de Cupertino imponlles unha comisión do 30% ás compras realizadas a través das aplicacións de iOS, impedindo que as propias aplicacións poidan dar a opción de contratar o servizo de streaming externamente, e incluso prohibindo a publicidade clara de fórmulas alternativas de pagamento, o que situaba a Spotify nunha posición de desvantaxe, xa que Apple Music ofrecía un servizo practicamente idéntico, pero non tiña que facer fronte ás comisións, por ser propiedade de Apple.
Que a tenda de aplicacións de Apple atentaba á competencia no streaming musical parecía moi claro, e así o manifestou a Comisión Europea en 2021, cando comunicou a Apple que entendía que as reclamacións de Spotify eran lexítimas, e que a compañía da mazá estaba a abusar da súa posición dominante.
Segundo publica Bloomberg, a primeiros de 2024 publicarase a resolución final dos órganos de competencia da Comisión Europea, esperándose a imposición dunha forte multa a Apple e a prohibición de que manteña as prácticas anticompetitivas, o que pode afectar moi seriamente ás contas de Apple, nas que as comisións da App Store xogan un papel moi importante.
Cómpre salientar que estamos a falar de medidas adoptadas conforma á anterior lexislación europea, pois a Lei de Mercados Dixitais, que aplicarase en breve, tamén prohibe este tipo de abusos por parte dos xigantes da Internet, polo que 2024 vai ser un ano no que Apple terá que reformular boa parte das súas políticas, cando menos no territorio europeo (aínda que é probable que o faga globalmente, pois nos EE.UU. tamén están a esixir medidas semellantes).

PUBLICIDADE