A Companhia do Ruído Editorial lanza o audiolibro interactivo A Landra viaxeira e o amigo Lambón

luns, 25 de novembro do 2024 S. P.

A Companhia do Ruído Editorial, vertente libreira da banda ribeirá do mesmo nome, na que militan Sabela Olivares e Suso Bello, ten un novo proxecto entre mans: o audiolibro A Landra viaxeira e o amigo Lambón, escrito e composto por Sabela e Suso (Os Jalochos) para o público infantil. Trátase, explican, dun libro musical de aventuras no que Landra e Lambón, dúas criaturas que son un conto de fadas, relatan unha fabulosa historia chea de música, cor, aventuras, novas amizades e singulares expresións que pola costa galega adoitan falar.
Este conto leva aparellados distintos recursos en soporte dixital, completando así a obra cun audiolibro interactivo e doce pezas musicais para gozar en familia.
Os Jalochos ofrecen aos colexios a posibilidade de acceder a unidades didácticas elaboradas en base ao conto que engloban recursos e materiais específicos relacionados co audiolibro como láminas de debuxo, adaptacións instrumentais do disco e actividades interactivas.
Coñecer a xeografía galega, respectar a natureza, xogar coa lingua e as variantes dialectais da costa galega ou co ritmo da música, son parte das propostas desde proxecto, que se amosa, en palabras de Sabela e Suso, “como un recurso didáctico idóneo para a aprendizaxe transversal e inclusiva na educación infantil e primaria”.
Segundo explican, estes son os obxectivos da proposta: fomentar a lectura entre a cativada e potenciar o uso da comunicación escrita e oral da lingua galega como fonte de diversión, información e medio de expresión dos valores sociais e culturais; promover e dinamizar a lingua galega mediante o seu uso, coñecemento e divulgación social; concienciar no respecto á natureza e a protección do medio ambiente; e amosar diferentes estilos musicais e achegar os ritmos e instrumentos tradicionais propios do acervo cultural galego.
Ademais, búscase visualizar e reivindicar o patrimonio material e inmaterial de Galicia como parte integrante dos nosos tesouros históricos e culturais; desenvolver a creatividade e a sensibilidade artística como fonte de formación e enriquecemento persoal mediante a lectura e a audición; divulgar materiais didácticos en galego para a súa implementación e uso nos diferentes ámbitos pedagóxicos; e empregar as TIC para a creación de contidos virtuais e difusión do proxecto.
Para levar a cabo o espectáculo Sabela e Suso desenvolven un concerto participativo mediante xogos baseados en conceptos musicais (tempo, ritmo, dinámica), así como a percusión corporal, o baile e a lingua de signos.
Datas de presentación
Sábado 30 de novembro. Tapería de Maris. Ribeira (18.00 h.).
Xoves 5 de decembro: CEP Xose María Brea Segade. Taragoña.
Domingo 8 de decembro. Casa da cultura de Porto do Son.
Martes 10 de decembro. Museo do Castro de Viladonga. Castro de Rei.
Domingo 15 de decembro. Sala Rebullón. Mos.
Venres 20 de decembro. Auditorio Antonio Liste. Teo.
Domingo 4 de xaneiro. Marineda City. A Coruña.