A Competición de Robots da EE Industrial regresará en abril cargada de novidades

martes, 16 de xaneiro do 2024 S. P.

Tralos éxitos de participación e repercusión da pasada edición en abril de 2023, volve esta primeira a Competición de Robots que organiza a Escola de Enxeñería Industrial (Campus de Vigo). Será o vindeiro 19 de abril. O evento virá con varias novidades que farán “máis atractivo o concurso”, segundo apuntou a Escola, salientando a estrea de novos tapices para as probas e un kit mellorado para montaxe dos autómatas. O prazo de inscrición abre este martes 16 e estará aberto todo o mes.
A competición dividirase novamente en dúas categorías, BE-Robot para estudantes de ESO e bacharelato e DeMO-Robot para alumnado de ensino superior, tanto ciclos de formación profesional como de graos universitarios. En cada unha delas, e partindo dun kit básico, os equipos deberán montar e programar un robot móbil co que participarán nunha serie de probas e retos. A finalidade deste evento, que no curso pasado reuniu máis de 600 mozos e mozas das catro provincias galegas, é que “as e os participantes se familiaricen de forma simple, práctica e divertida coa robótic”a. Ao tempo, búscase achegar a Universidade ao alumnado do ensino pre-universitario e dar a coñecer as titulacións que se imparten na Escola de Enxeñería Industrial, fomentando o interese do alumnado polas disciplinas STEM, especialmente co eido da enxeñaría.
Sobre as novidades desta edición, o director da EEI, Juan Pardo, destaca o feito de poder contar cun kit mellorado, o mBot 2, “un robot educativo de última xeración impulsado por CyberPi, un microcontrolador educativo mellorado con capacidades de conexión en rede, sensores integrados, etc.” Por outra banda, Pardo salienta que o feito de contar con novos tapices para as probas “implicará tamén modificacións nos percorridos e obstáculos, aínda que os nomes e plantexamento das probas sexan os mesmos”. Por exemplo, na categoría DEMO_Robot a proba de rastrexo, que antes tiña un trazado como o de Montmeló, agora terá “un circuíto propio”, mentres que o labirinto desta edición será diferente, aínda que coa mesma filosofía.
Na categoría BE-Robot poderá participar o alumnado matriculado durante este curso na ensinanza secundaria e bacharelato divididos en equipos de entre catro e seis membros, coordinados por un profesor titor. A competición comprende dúas probas, Sigue-línea “marchoso” e Velódromo “mareante”. Na primeira os robots deberán dar unha volta completa ao circuíto o máis rápido posíbel evitando todos os obstáculos, mentres que na segunda terán que completar un número de voltas no menor tempo posible a un recinto circular.
Para o alumnado matriculado durante este curso en calquera titulación superior, tanto ciclos de como titulacións universitarias a organización deseñou a categoría DeMO-Robot. Nela, equipos de ata seis membros ou ben participantes individuais deberán completar catro probas, tres delas individuais e unha colectiva, o tradicional combate de sumo entre robots.