A Consellaría de Educación saca a concurso a migración do seu servizo de correo a software libre

mércores, 2 de setembro do 2009 Raquel Noya

Os galegos e galegas que temos o costume de mirar o DOG a cotío na procura de iniciativas e proxectos que nos poidan beneficiar dalgunha maneira, non puidemos máis que sorprendernos (e alegrarnos, todo sexa dito de paso) cando botando unha ollada no Diario Oficial de onte, día 1 de setembro, vimos o anuncio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria que sacaba a concurso o servizo de migración da súa plataforma de correo electrónico corporativo cara a unha arquitectura baseada en software libre.
O concurso, segundo informa a entidade, está dotado cun importe de 180.000 € con I.V.E. e require, entre outras cousas, que o desenvolvemento e implantación da devandita solución baseada en software libre para a plataforma de correo electrónico inclúa o servizo frontal de correo, o servizo de antispam, o servizo de antivirus, o servizo de caixas de correo e o servizo de webmail.
A migración da plataforma actual de correo cara á nova solución deberase facer, en resumidas contas, de xeito que o usuario non perda ningún tipo de información asociada coa súa conta de correo electrónico e integrando unha interface web accesible segundo o estándar WAI-AA da W3C.
Asemade, o mecanismo de autenticación da solución deberá integrarse totalmente co sistema LDAP corporativo baseado en OpenLDAP e os mecanismos de comprobación do estado do servizo deberán integrarse co sistema de monitorización Nagios.
A plataforma de correo electrónico corporativo desta entidade académica proporciona servizo aos centros educativos, profesorado, alumnos e servizos centrais da consellería, reunido un total de 50.000 contas de correo electrónico, que xestionan, segundo puidemos ler en Mancomún, “máis de 1.200.000 mensaxes diarias”.
A previsión da consellería é, segundo engaden na web de Mancomún,”que estas cifras aumenten considerablemente nos vindeiros anos”, polo que a mellor solución, en relación calidade prezo, vén sendo pasarse as aplicacións abertas.

PUBLICIDADE